Conversa con Elea López García, actriz profesional e docente de teatro

Nesta última colaboración, manteño unha conversa con quen, na miña modestísima opinión como actriz afeccionada, considero unha das mellores profesoras de teatro: Elea López García.
Lémbroa con agarimo cando, sendo nena, acompañaba á súa nai nunha actividade de expresión corporal que a súa proxenitora levaba a cabo en Auxilia, asociación de persoas con discapacidade.
Elea, como te defines?
Como actriz e docente en interpretación e traballo corporal.
Tan relevante é o traballo corporal á hora de interpretar?
Claro, é moi necesario ter consciencia do propio corpo para ter presenza escénica, para estar pendente da acción-reacción co compañeiro en escena, para exercer o control do espazo... A base da interpretación é o propio corpo. Pódese facer teatro sen falar, pero non se pode interpretar sen estar alí presente. Nada máis entrar na súa escola de artes escénicas, atópaste cos seguintes versos de Kavafis:
“Cando emprendas a túa viaxe a Ítaca / pide que o camiño sexa longo, /
cheo de aventuras, cheo de experiencias”.
Vexo que tanto a túa escola como o teu grupo chámanse Ítaca. Porque para ti, a túa experiencia teatral é coma unha viaxe?
Porque o importante é o traxecto que vou facendo, o día a día, o paso que vou descubrindo en cada momento, esa busca de destinos sen saber cal é o final, vendo os camiños posibles, atopándome con distintas persoas que me achegan, que me asinan.
Cando empezaches esta viaxe?
A miña curiosidade polo teatro xurdiu sendo moi pequena, xa que a miña nai, como actriz afeccionada, para conciliar, levábame con ela aos ensaios e vía como se transformaba en personaxes que vivían historias diferentes. Todo isto parecíame un mundo fascinante.
Toda esta curiosidade lévache a adquirir unha ampla e diversa formación en artes escénicas, non?
Si, eu teño formación en danza, clown, loita escénica... ademais de teatro. Empecei a formarme máis en serio con vinte anos, en “Espazo Aberto”, unha escola que hai en Santiago con Carlos Neira como profesor titular. Pasado un tempo exercín de profesora de nenos nesta mesma escola durante sete ou oito anos.
Considéraste docente de teatro?
Si, aínda que sempre me custou moito saber que é o que máis me gusta: ser actriz ou ensinar.
A min sorpréndeme a túa capacidade asertiva á hora de ensinar, a túa capacidade de marcar límites sen molestar, das as túas valoracións sen incomodar?
Capacidade que tamén se aprende e que se basea no respecto ao traballo feito polos alumnos. Un límite claro para min é que todo o mundo ten dereito a expresar o que sente, a dicir o que pensa, coa condición de que non moleste aos demais. Si estás a crear, es libre de facer o que queiras, sempre que non afecte a ninguén. En teatro o traballo en equipo é fundamental así como a confianza cos compañeiros, que ninguén se sinta desprazado ou incómodo. E aínda que en todo proceso de aprendizaxe hai cousas que corrixir, pero iso non quere dicir que a persoa non sexa válida. En teatro trabállase moito coas emocións, non as persoais, senón as que xorden no proceso creativo no que se implica moito a persoa. Por iso, necesítase crear un clima de confianza e seguridade no que a persoa poida mostrarse, xa que en escena todos somos especialmente vulnerables ao estar moi expostos.
Que prefires, a docencia con meniñas e nenos ou con persoas adultas?
As dúas. Gústame moito a docencia con nenos e nenas xa que é moi diferente á docencia con persoas adultas. Traballar con nenos implica moitas cousas vitais como descubrir a interacción con outros, o facer cousas en equipo, a aprendizaxe para codificar o que queren contar, de ensinarlles a transmitir todo o que imaxinaron, de ser conscientes do que reciben os demais... E todo coma un xogo no que aprenden sen darse conta, integrando coñecementos do seu propio corpo, do espazo, do tempo, das relacións sociais... E cos adultos tamén me atrae porque todo iso está incluído, pero realízase cunha perspectiva máis teatral, máis técnica e que se concretará nun traballo en escena. E destaco o grupo de adolescentes que veñen porque queren, por tanto, hai unha gran motivación, sorteando coa realidade de que viven na inmediatez e con moitas ganas de cambiar o mundo, queren e teñen moitas cousas que contar. Para min é un orgullo que algúns deles continuasen coa súa formación nas Escolas Superiores de Arte Dramática como a de Vigo, a de Xixón, Madrid... sendo xa profesionais.
Dunha profesión moi difícil?
Difícil e inestable, que moitas veces hai que compaxinala con outros traballos para poder vivir dela. Que supón moito esforzo que non se ve, levado a cabo antes de subir a un escenario. Non é só memorizar un texto.
Actuar é algo máis que un texto falado, verdade?
Certo, hai que darlle vida ao texto, facelo crible e que chegue ao público. Estar no presente é a base da interpretación. Tamén hai que recalcar que hai moi poucos espazos para ensaiar, montar unha obra, traballar con todo o equipo...
E non será fácil conciliar a profesión coa vida persoal e familiar?
Non, xa que se traballa en horarios nocturnos, en fins de semana, en vacacións. E despois hai que moverse moito para vender a obra.
Ademais do teu labor como docente e como actriz levas o teatro ao social?
Si, coa miña compañeira Rocío levamos a cabo desde fai dez o programa 'Máis que teatro' para traballar esa capacidade asertiva, como comunicarse, como xestionar conflitos, ou o bullying sendo meros espectadores do mesmo. Programa destinado ao alumnado de institutos e colectivos determinados, como, por exemplo, vítimas de violencia de xénero.
A túa faceta de actriz, nestes momentos, está inmersa na obra 'Profetas'. Fálame dela.
É a sexta montaxe da miña compañía, Ítaca Teatro, e a segundo con Carlos Rebolo, despois de “Cinco minutos sen respirar”. Trátase dun texto que me enganchou porque non sabería como montalo. Ten moitas capas: a política, a persoal e a de relación dos dous personaxes que un día foron parella. E pareceume todo un reto. Carlos, o meu compañeiro e eu contactamos co autor Ernesto Is que nos recomendou a Carlos Álvarez Osorio como director desta peza e estreamos o 24 de abril no Auditorio Gustavo Freire. Fixemos xa varias funcións e participamos na MIT (Mostra Internacional de teatro) en Ribadavia. É unha peza na que hai só dúas acotacións, dando moita liberdade creativa e o autor formou parte de todo o proceso, sendo moi xeneroso co seu texto. Ao final non coincide co do texto literario.
Como está o teatro en Lugo?
Hai moitos grupos profesionais e están a medrar. Tamén en teatro afeccionado. Pero penso que non hai tanto costume de ir ao teatro e animo á xente que vaia vivir unha experiencia única, que o teatro está vivo e que nunca se repite.