Conversa con Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
13 Oct 2022

Por Fernanda Arrojo

Encarna Lago González, nacida en: Barcelona, de pais galegos, regresa á provincia de Lugo, concretamente a Pedrafita con quince anos, aínda que non deixa de ter contacto coa cidade catalá nestes momentos, a través da Universidade.

Fixa a súa residencia na cidade de Lugo por razóns laborais, xa que leva máis de tres décadas como funcionaria da Deputación Provincial de Lugo. No museo comezou como  vixiante guía (era guía intérprete), logo foi a coordinadora de didáctica e, posteriormente, a coordinadora xeral do Provincial máis do Museo de San Paio de Narla, sempre dentro das liñas do Movemento Internacional por unha Nova Museoloxía (MINOM). Máis tarde, xunto a un grupo de compañeiros do Departamento de Didáctica solicitan a creación da Rede Museística Provincial a Deputación Provincial de Lugo. (Museo Provincial de Lugo, Museo de San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor).

Que significa para ti ser funcionaria?

Máis aló de todo cargo, identifícome como servidora pública como palabreira ou mediadora axudando na transformación social. Ao longo da miña vida, a PALABRA é o valor que impulsa a miña existencia, ao ser a ferramenta primeira para sentir, pensar e facer da miña función un instrumento de mediación, para a escoitar e falar cos outrxs desde a casa que elixín como morada: os museos onde as persoas sempre están no centro.

Recentemente, o Consello Internacional de Museos (ICOM) declarou que “un museo é unha institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, recolle, conserva, interpreta e exhibe o patrimonio material e inmaterial.  Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos fomentan a diversidade e a sustentabilidade.” Por que é tan importante vincular os museos á comunidade?

Un museo é un centro de identidade;  un medio de comunicación con credibilidade e que narra historias. Se a súa narrativa non representa a sociedade, nin o territorio onde está asentado, entón que é?

Dar a coñecer as raíces, a identidade dunha comunidade é a principal función de calquer museo.

Anteriormente, os museos tiñan unha funcionalidade, meramente, contemplativa ao servizo duns poucos.  Agora interesa que estas institucións sexan abertas a todos e a todas e con todos e con todas. As persoas que nos visitan fainos abrir os ollos,  coma por exemplo, para facer un museo accesible non só serve poñer ramplas, senón tamén eliminar as barreiras de comunicación.  E iso require formación. Estamos a falar de ética, técnica e empatía. Loitar pola accesibilidade a inclusión a igualdade e a sostenibilidade.

A declaración do ICOM continúa: “Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican de forma ética e profesional, ofrecendo experiencias variadas para a educación, o goce, a reflexión e o intercambio de coñecementos”.  Entón, que pode aportar un museo á sociedade?

Cando comezamos a reivindicar a accesibilidade e a inclusión dentro do Museo non foron moi ben aceptadas porque se pensaba que queriamos converter o museo nun centro sociocultural, o que non estaría mal. Oxalá todos os museos fosen centros socioculturais!

Grazas a este traballo vemos como anos despois se cambia a definición de Museo.  Unha definición elaborada conxuntamente por profesionais de todo o mundo.

Nesta definición, a empatía non é suficiente. Agora traballamos a alteridade, recibindo premios por isto. A alteridade é a condición de ser outro. Non abonda con poñerme na pel doutro, senón son o outro.

Existen diferentes realidades e a accesibilidade, cen por cen non existe. Hai tantas necesidades como persoas e para dar resposta ao maior número delas, é necesaria unha formación constante.

Coma é necesario dar acceso a todas as persoas, hai que incorporar os colectivos máis vulnerables, consecuencia das catro grandes desigualdades: a de xénero, a de etnia, a de clase e a de discapacidade.

E tamén es docente?

Intentamos aportar a nosa experiencia práctica en diversos foros, dicir e facer son compromiso inherente da palabra. Por iso, o tránsito por espazos palabreiros nos que participo como docente como o Máster de Servizos Culturais, no Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC); o módulo de “Especialista en Industrias Culturales desde la perspectiva de género” na Universidade Complutense de Madrid ou o de “Técnico Auxiliar en entornos culturales”, título propio da Universidade de Málaga dirixido a persoas con discapacidade intelectual, son parte dese glosario de sentidos onde me sinto palabreira...aportando a miña experiencia.

A cidadanía valora os museos?

Sí, sí que  o valoran  cada vez a cidadanía é máis partícipe. Unha maneira de estar máis preto da comunidade foi a posta en marcha da Rede Museística Provincial de Lugo na que a filosofía da  museoloxía social e a sustentabilidade social, economica e medioambiental é fundamental.Poñemos en valor o territorio o patrimonio e a comunidade.

Esa maneira de xestionar os museos foi recoñecida cos premios como o da Crítica de Galicia (2004); o dá Mellor Experiencia didáctica nun Museo pola Fundación Rosalía (2009); o Premio ONCE Solidariedade (2011); o Premio Galicia de Inclusión Fundación Anade (2017); o Premio Internacional Ibermuseos; e o Premio á mellor iniciativa institucional no 2020 concedido por Cogami.

Pero tamén debemos saber visibilizar os erros para mellorar e ter un futuro prometedor.

Cal dos proxectos que levades a cabo na actualidade destacarías?

Estamos intentando cambiar as narrativas e rescatar as memorias invisibilizadas nos museos. Levamos dous anos cun programa intensivo de Mulleres rurais e un novo proxecto museolóxico e museográfico en dous dos catro museos “Soterradas: a vida tras os mantelos da Fortaleza ao Pazo” é o gran proxecto actualmente no que se traballamos ás catro desigualdades: xenero, clase, etnia e discapacidade.

encarna lago xerente rede museistica provicial lugo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1732349395752