Conversa con Isabel Somoza, artista e emprendedora

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
9 Mar 2023

Por Fernanda Arrojo.

A miña colaboración de marzo fala dunha muller traballadora, artista e emprendedora: Isabel Somoza García.

Licenciada en Belas Artes pola Facultade de Salamanca e Técnico en Gravado e Estampación pola Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo é ademais unha investigadora incansable no campo da gráfica, levando vinte anos á fronte do obradoiro de gravado Augatinta.

Que querías levar a cabo con este obradoiro?

Pois, ademais de ter un espazo propio para facer os meus proxectos artísticos, pretendín compartilo con outros artistas para convertelo nun punto de encontro creativo sobre a impresión múltiple e, tamén, para dar a coñecer diferentes técnicas de gravado.

En Lugo non había ningún obradoiro deste tipo?

Non, non había un espazo coma este aberto ao público. Aínda que, como consecuencia da pandemia, nestes momentos non se están a realizar os cursos monográficos pero eu sigo traballando nel.

En que consiste a técnica de gravado e estampaxe?

É un oficio artístico que, basicamente, consiste en facer unha imaxe nunha prancha e imprimila sobre papel. Hai diversas técnicas segundo o material da prancha. Pode ser de metal, de madeira, de plástico, de linóleo... e dependendo desa matriz, empregarase unha ou outra técnica.

De onde ven o teu interese polo gravado?

Tiven un profesor moi bo que me espertou o interese polo gravado xa que é unha disciplina que ten unha parte importante de investigación e isto faina moi interesante para min. Con tantas técnicas, tantos soportes, tantos medios, tantas ferramentas diferentes, sempre podes estar innovando, sempre podes probar diferentes materiais para crear novas texturas e investigar sobre o procedemento para gravar unha imaxe.

Por iso no teu traballo empregas elementos tan innovadores como as plumas?

Si, porque ademais de simbolizar agarimo, protección, calor... a súa tridimensionalidade axúdame a tentar ir o límite do soporte gráfico.

E por que en moitas das túas obras empregas a imaxe dun corazón?

Porque, a parte do seu simbolismo vital, xa que sen el non podemos facer nada, para min foi todo un descubrimento cando atopei unha proba médica que amosaba todas as veas do corazón semellando unha fermosa paisaxe xaponesa, unha imaxe marabillosa! Comezaba os meus primeiros traballos e levei anos traballando con ela, afondando non só no seu interior senón tamén na súa forma.

Aínda que o gravado é unha disciplina pouco coñecida, en comparación con outras, xa fixeches varias exposicións?

Si, sempre procuro amosar o que fago e gústame compartilo, ben coas miñas obras persoais dentro dunha exposición colectiva, como varias nas que participei aquí en Lugo; ou ben colaborando nunha obra feita entre varios artistas.

Un mesmo traballo con máis xente é unha experiencia moi divertida, coma a que fixemos entre Xabier de Sousa, Xosé Poldras e eu. Era un gravado de dez metros por un, cunha matriz que era un rolo de plástico tamén de dez metros, adicado á obra a Louvanza da Loucura. E era unha auténtica tolemia xa que cada un, por estar en sitios distintos, facía a súa parte e mandaba o rolo a outro para que fixera a súa e, así, ata rematalo. Despois tivemos que estar estampando dous ou tres días seguidos.

Resultou unha experiencia moi enriquecedora porque, por unha banda cada un contribuíu coa súa visión, coa súa perspectiva, dentro dunha mesma temática. E, por outra, xurdiume unha maneira de facer cousas que nunca antes fixera.

Coñecendo a túa traxectoria, vexo que tes moitas referencias a Lugo na túa obra.

Eu son unha abandeirada de Lugo. Penso que a xente ten que estar orgullosa de onde vén. E aínda que traballo con elementos de aquí, da miña casa, da miña familia, penso que non deixan de ser globais e, aínda que as miñas raíces son para min todo un referente, creo que se poden entender no mundo enteiro, as influencias externas, ó mesmo tempo, poden aportar diferentes visións, outras perspectivas culturais.

E tamén, coma ti, a túa familia está moi vinculada a Lugo, non?

Si, a miña familia ten unha tenda en Lugo de toda a vida, Confecciones García. Fai uns anos con todo o material que alí atopei (facturas, pescozos de camisa, puños...) fixen unha exposición que falaba das miñas raíces e posteriormente elaborei un álbum ilustrado, Mariña, sobre as lembranzas da miña nenez na mesma.

Pódese dicir que os escaparates que fas son auténticas creacións artísticas?

Por suposto, aínda que me causen grandes dores de cabeza, sempre intento transmitir unha mensaxe, non só serven para amosar o que vendemos. Intento facer pensar, xogar e lembrar cousas de cando eramos cativas.

Eu lembro a túa etapa como activista social.

Si, claro, coñecémonos fai moitos anos en Auxilia e sigo pertencendo a ela, aínda que agora non participe activamente, estou de corazón.

E ti, tampouco esqueciches á artesanía?

Eu considérome unha artesá e tamén coñezo xente doutros oficios, artesáns que fan as cousas a man e poñen moito agarimo en facelas. O meu home tivo unha tenda de artesanía en Lugo, un espazo para poñer en valor os produtos artesáns da provincia lucense, onde se fixeron moitas actividades: obradoiros, demostracións, degustación de produtos... Foi un proxecto moi bonito.

Ademais de todo isto, es profesora?

Si, durante vinte anos din clases de Educación Plástica na ESO, no colexio Maristas da nosa cidade onde tratei de que os estudantes, adolescentes, entenderan que a creatividade é fundamental e está en cada unha das decisións cotiás da súa vida, para poder así potenciala.

Dende hai catro anos, son profesora de Litografía e Serigrafía no ciclo de Gravado e Estampación da Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo.

Que tal os futuros artistas lucenses?

Xeniais. É xente con moita vida interior e, coa aprendizaxe técnica axeitada, pódese potenciar que todo ese mundo interior se canalice nas súas obras de arte. E aínda que a sociedade non valore moitas das disciplinas artísticas por descoñecemento, cómpre recoñecer toda a creatividade que hai en Lugo, que é moita.

isabel somoza garcia lugo
0.19647097587585