Convocada a quinta Ruta Castrexa de Mototurismo en Rábade

LugoXa | TerraChaXa
Discorrerá por estradas abertas ao tráfico e atravesará comarcas como A Fonsagrada, Meira, Terra Chá ou A Mariña
presentacion-ruta-mototuristica-rabade
16 May 2025

A 5ª Edición da Ruta Castrexa de Mototurismo foi presentada en Rábade nun acto que contou coa presenza da alcaldesa, Reme González, e do xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Cadramón. Esta cita, xa consolidada como unha das máis destacadas do calendario mototurístico galego, celebrarase o vindeiro sábado 31 de maio, tendo como punto de saída e chegada a vila de Rábade.

A ruta, de carácter non competitivo, discorrerá por estradas abertas ao tráfico e atravesará comarcas como A Fonsagrada, Meira, Terra Chá ou A Mariña, ofrecendo aos participantes un percorrido libre entre montañas, ríos, curvas e paisaxes espectaculares. Os motoristas deberán visitar once puntos de selado, dous deles “pantasma”, que engadirán un extra de misterio e diversión á xornada. Ao completar o reto, todos os participantes recibirán unha medalla conmemorativa.

A organización tamén entregará trofeos ao piloto e copiloto que veñan dende máis lonxe, así como ao grupo máis numeroso. Ademais, haberá un sorteo con agasallos ao remate da ruta e a tradicional cea da “Festa dos Callos”, que promete sabor e bo ambiente, aínda que non está incluída na inscrición.

O evento conta coa colaboración do Concello de Rábade, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, e aspira a ser novamente un éxito de participación e convivencia sobre dúas rodas.

⚙ Configurar cookies
0.13806390762329