Convocada para este venres unha concentración no centro de saúde de Antas de Ulla
Este venres, ás 12:00 horas diante do Centro de Saúde de Antas de Ulla, recollida de sinaturas dos veciños e veciñas “pola grave situación da atención sanitaria no concello”.
“A situación agravouse nas últimas semanas, con bastantes días sen médico e citas a pacientes que se anulan o mesmo día da cita”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.
Ademais, hai moito retraso para probas médicas ou consultas de especialistas.
“Para unha poboación envellecida, non é sinxelo tramitar na web ou por teléfono os cambios e as citas, e xa non digamos que teñan que desprazarse ata o HULA ou Palas, pagando taxis con pensións de 700 euros”, engade a alcaldesa.
“A semana pasada, remitimos unha nova carta ao conselleiro de Sanidade, espero que nalgún momento nos reciba”, engade García Porto.
Nun bando aos veciños, a alcaldesa lembra que “como representante de todos os veciños e veciñas do Concello de Antas de Ulla, o venres día 21 de xuño, púxenme en contacto co conselleiro de sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que cubra a praza do médico xubilado así como para que nos informara da construción do novo centro de saúde compromeIdo pola Xunta de Galicia”.
“Despois de case 3 meses sen resposta a miña carta, pedimos outra vez reunión co Conselleiro. Novamente véxome na obriga de convocar a todos os veciños e veciñas do Concello de Antas de Ulla á unha concentración diante do centro médico o vindeiro venres día 20 de setembro, ás 12:00h da mañá, para que simbolicamente se entenda a necesidade de cubrir a vacante por xubilación dun médico xa que ca saúde non se pode xogar!”, engade.
Durante a concentración informarase da campaña de recollida de sinaturas entre toda a veciñanza para reforzar “as nosas demandas ao conselleiro de Sanidade.