Convocada unha nova edición do concurso de recitado poético Rosalía sempre viva

TerraChaXa | LugoXa
A Casa-Museo Manuel María convoca unha nova edición do Concurso de recitado de poesía sobre poemas de Rosalía e Manuel María.
concurso de recitado rosalia casa museo manuel maria
7 Dec 2023

A Casa-Museo Manuel María convoca unha nova edición do Concurso de recitado de poesía sobre poemas de Rosalía e Manuel María. O certame terá a fase final o 2 de marzo de 2023 na propia Casa-Museo.

O certame está dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato, e está centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María.

O obxectivo do concurso é potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura. Así, os traballos gañadores da pasada edición pódense ver no portal web da Casa-Museo.

O concurso establece catro categorías, a primeira para os tres primeiros cursos de Primaria, a segunda para os alumnos de 4º a 6º. A terceira categoría engloba aos alumnos de Secundaria e a cuarta a de Bacharelato e ciclos formativos.

O concurso constará de dúas fases, na primeira no propio centro escolar e a segunda entre centros. Na primeira escolleranse dous traballos por categoría e na segundas, os seleccionados participarán no recitado dunha única poesía escollida libremente. Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, a memorización e o seu nivel de dificultade.

Os centros interesados en sumarse a este concurso deberán facer a súa preinscrición antes do 23 de xaneiro. Os premiados en cada centro, dous por categoría, estableceranse posteriormente, en función dos centros participantes.

Os premios, de haber, serán determinados por cada centro pero na segunda fase haberá catro premios, un por cada categoría, consistentes en dous microscopios, un para a persoa gañadora e outro para a aula á que pertence. Alén disto, recibirán un diploma individual que acredite o premio.

O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo neste caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.

0.19799304008484