Convocada unha nova edición do Descenso internacional do Miño
O Club piragüismo Cidade de Lugo organiza o vindeiro día 4 de xuño, sábado, ás 16:00 horas a LXV edición do Descenso Internacional do Miño, que se ven celebrando dende 1951.
A saída terá lugar na Ponte Medieval de Rábade ás 16.00 horas e a meta estará situada na Ponte Romana de Lugo.
A Copa Miño ou Descenso Internacional do Miño de Lugo, nome co que popularmente se coñece a esta regata, é a segunda proba máis antiga das que se celebran en España, despois do Descenso Internacional do Sella. Desde os seus comezos esta cita deportiva espertou un gran interese entre a cidadanía lucense, de forma que contribuíu enormemente á difusión e popularización deste deporte na cidade. Pódese afirmar que a Copa Miño foi a chama na que se coceron as distintas xeracións do piragüismo de Lugo e que en parte, grazas á tradición, afección e categoría desta proba, a cidade foi considerada durante décadas como unha dos berces do piragüismo galego e nacional.
A Copa Miño é unha proba enmarcada na modalidade de descenso de ríos, que consta dun percorrido de 17, 5 quiolómetros entre as localidades de Rábade e Lugo. Ao longo da proba os padeeiros deben de superar distintas dificultades como o franqueo de caneiros e a navegación por rápidos e correntes, que fan especialmente atractiva a competición tanto para os participantes como para os espectadores, xa que estes obstáculos naturais ademais de implicar accións técnicas especialmente espectaculares manteñen aberto o resultado ata practicamente mesmo a liña de meta.
Aínda que a proba forma parte do calendario galego, está aberta a clubs doutras comunidades autónomas así como a seleccións nacionais. Neste sentido, é destacable a habitual participación de numerosos clubs do país veciño e de seleccións nacionais como España, Hungría e Holanda.