Convocadas as axudas da Xunta para o control leiteiro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a que se convoca unha nova liña de axudas para financiar o labor que desenvolven as entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia. A achega está dotada cun total de 1 millón de euros, o que supón un incremento do 33 % respecto á convocatoria de 2024.
Esta axuda ten como finalidade compensar en parte os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.
Poderán beneficiarse destas axudas as entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma de Galicia como terceiros para a realización do control leiteiro oficial. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
As actividades subvencionables para realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.
Consulta a orde nesta ligazón.