Convocadas as axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta destina neste 2023 un importe de 2.
22 Jan 2023

A Xunta destina neste 2023 un importe de 2.150.000 euros ás axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG). A achega destes fondos, que se mantén constante nos últimos anos, servirá para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde mediante a cal se convocan estas axudas das que as entidades poderán solicitar un anticipo sen necesidade de presentar avais bancarios. Estes programas melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega. Mediante estas achegas, preténdese estimular a integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas. Ademais, cabe destacar que estas agrupacións tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal.

A finalidade última destas axudas é a mellora do estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Ademais, no marco do mercado actual, resulta fundamental manter o devandito estado sanitario, desenvolvendo programas destinados ao control de determinadas doenzas, mellorando a rendibilidade e asegurando a comercialización de animais e dos produtos de orixe animal. Estes programas de planificación zoosanitaria que se subvencionarán coa vindeira orde de axudas contempla aqueles que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2023 e o 28 de febreiro de 2024.

A maiores, no contexto do mantemento do nivel da sanidade animal, resulta determinante consolidar esta estrutura asociativa das ADSG, vinculada aos propios gandeiros galegos. Así, entre as enfermidades con programa sanitario nas agrupacións atópanse a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR), a diarrea vírica bovina (BVD) ou a paratuberculose no gando bovino, ovino e cabrún. Tamén están incluídas a enfermidade de Aujeszky, no gando porcino; a salmonelose, nas explotacións aviares; ou a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica, nos coellos.

Enlace á orde no DOG.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18411993980408