Convocadas as axudas por reposición de gando
A Consellería do Medio Rural destina un total de 125.000 euros ás axudas de compensacións complementarias por lucro cesante e á reposición de gando que se convocan mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
As destinatarias destas achegas son as explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, nas que por orde da autoridade competente se levou a cabo o sacrificio obrigatorio ou destrución de animais, en execución de programas ou actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control ou erradicación das súas enfermidades; como a tuberculose, a brucelose ou a lingua azul, entre outras.
Tamén se incluirán os casos de animais das devanditas especies que morresen durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais, así como os mortos por mor de padecer a enfermidade da lingua azul, e os casos de morte ou sacrificio/matanza deses animais como consecuencia da aplicación dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
As axudas complementarias por lucro cesante están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario (sacrificio de todo o gando), subvencionándose, en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas, tanto o período de corentena (dende o sacrificio ata que a Consellería do Medio Rural autoriza a incorporación de novos animais), como os tres meses posteriores, no caso de que o gandeiro non repoña nese tempo o gando.
As subvencións á reposición están destinadas á compra de animais para repoñer aqueles que se sacrificaran por resolución da Consellería, en aplicación dos programas oficiais. A intensidade das axudas é do 100% dos custos subvencionables e teñen un claro efecto incentivador por permitir o desenvolvemento económico das explotacións bovinas, ovinas e cabrúas afectadas por enfermidades.
O prazo para a presentación de solicitudes para acollerse a estas axudas e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de novembro de 2025.
Pode consultarse a orde nesta ligazón.