Convocadas axudas para promover o tecido asociativo da cidade de Lugo
O Concello de Lugo convocará 57.500 euros en axudas para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo proxectos que dinamicen a economía lucense.
Trátase da segunda edición do plan plurianual no que se enmarcan estas subvencións, habilitadas en 2020 como revulsivo ás consecuencias sociais nas que comezaba a derivar a pandemia e coas que, dende o Concello, se pretende seguir ofrecendo apoio a todas aquelas iniciativas locais coas que se acade a xeración de emprego.
A edil explicou que, o vindeiro mércores, a Xunta de Goberno aprobará as bases do procedemento que, neste exercicio, incorporan como novidade que os criterios de valoración puntúan a inclusión de actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres para combater a discriminación feminina, que na composición da directiva exista un número de mulleres superior ao 50% e que a actuación vaia dirixida a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.
Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas -que terán unha contía máxima de 2.500 euros coa que se pode cubrir até o 90% da acción- as entidades sen animo de lucro que, tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento, promoción económica, comercio e formación empresarial que persigan a mellora e recuperación do municipio e a creación de emprego, autoemprego ou de novas empresas.
A concelleira de Desenvolvento Local e Emprego aproveitou o encontro mantido con representantes dos sector hostaleiro e comercial da cidade para dar conta desta e doutras iniciativas que a súa área impulsará nas vindeiras semanas ao abeiro da marca LugoéCapital.