Convocadas de novo as axudas Leader ao desenvolvemento rural

LugoXa | TerraChaXa
O prazo de presentación de solicitudes estará activo ata o vindeiro 6 de abril
dineiro-cartos-moedas-orzamento
14 Feb 2026

Abríronse as liñas de axuda Leader 2026 para impulsar proxectos no rural, cun prazo de presentación de solicitudes aberto ata o vindeiro 6 de abril. A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia, constitúe a maior da historia deste programa, cun orzamento total de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

No caso do GDR Terra Chá, o orzamento destinado a proxectos produtivos supera o millón de euros, co obxectivo de apoiar iniciativas xeradoras de emprego e actividade económica no territorio. As axudas están dirixidas a persoas autónomas, empresas e cooperativas, e permiten financiar proxectos de creación, ampliación ou modernización de pequenas empresas, especialmente nos ámbitos do turismo, os servizos e a industria local. Para entidades non produtivas públicas, como concellos, destínanse uns 300.000 euros, e para entidades non produtivas privadas, como comunidades de montes e asociacións, reservan 40.000 euros.

As subvencións poden acadar ata os 150.000 euros por proxecto no caso das iniciativas produtivas. Así, poderán financiarse proxectos de carácter produtivo vinculados á creación, ampliación e modernización de Pemes, en ámbitos como o turismo, empresas prestadoras de servizos ou industrias, entre outros.

Deste xeito apóianse tanto pequenas iniciativas de transformación e comercialización de produtos agrarios como establecementos de turismo rural ou casas de comidas e bares (onde non existan), pequenas industrias, talleres, perruquerías ou tendas de ámbito local. O prazo estará aberto durante dous meses.

Ademais, mantense o Bono Activa Rural, destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrarias, cunha axuda de ata 5.000 euros para persoas autónomas que creen o seu propio posto de traballo no rural. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial.

O presidente do GDR Terra Chá, José Antonio López Sierra, lembra que os proxectos non poden iniciarse antes de presentar a solicitude e que a convocatoria trianual ofrece unha maior marxe temporal para o seu desenvolvemento. As axudas Leader preséntanse así como unha oportunidade clave para asentar poboación e fomentar a economía do rural.

⚙ Configurar cookies
0.08409595489502