Convocadas manifestacións en Sarria e Lugo contra a invasión eólica

LugoXa | SarriaXa
Serán o domingo 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa
Imaxe recurso de eólicos
17 Jan 2025

A Coordinadora Eólica Así Non! anuncia a convocatoria dunha mobilización descentralizada o domingo, día 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa, para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza.

Na provincia de Lugo terán lugar dúas manifestacións, unha en Sarria, no cruce de Catro Camiños coa rúa Liberdade, ás 12.00 horas, e, na cidade de Lugo, á mesma hora, diante do concello.

Un modelo que Eólica Así Non! afirma que non ten en conta os intereses da poboación, que ten como principal obxectivo beneficiar o capital e que tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, tal e como están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A Coordinadora denuncia, ademais, as últimas reformas legais da Xunta de Galiza, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer “violencia institucional” contra as comunidades veciñais afectadas. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.

Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.

0.16873216629028