Convocan a 22ª edición do certame de pintura rápida ao aire libre Cidade de Lugo
Convocan a 22ª edición do certame de pintura rápida ao aire libre Cidade de Lugo, que este ano se celebrará o domingo 14 de xullo. No certame poderán participar todas as artistas maiores de 18 anos que o desexen, presentando unha única obra, que non se poderá asinar ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado, que estará composto por profesionais das artes plásticas.
"O estilo e a técnica serán libres e a súa temática xirará sobre a cidade de Lugo en toda a súa extensión", afirmou Maite Ferreiro. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. As inscricións realizaranse o día do certame, no momento de selado do soporte, entre as 09.00 e as 11.00 horas nas oficinas da área de Cultura para ser selado.
As obras presentaranse entre as 16.00 e as 17.00 horas na Praza Maior, onde se coñecerá o ditame do xurado ás 18.00 horas. A partir dese momento, e ata as 20.00, farase unha exposición con todas as obras. Ao remate, as autoras e autores non premiadas poderán facerse cargo das súas obras. Cada participante terá que traer consigo o material que poida necesitar e considere necesario para desenvolver o seu traballo, incluído (de ser posible) o seu cabalete onde se exporá a súa obra.
O soporte non superará as dimensións máximas de 100 x 100 cm O importe total dos premios é de 5.550 euros distribuídos deste xeito: un primeiro premio dotado con 1.600 euros, un segundo con 1.100 e un terceiro, con 900. A maiores entregaranse 5 accésits de 300 euros e un premio especial ao artista local, nacido ou residente en Lugo, de 450 euros. Ademais todas as persoas galardoadas recibirán un diploma acreditativo.