Convocan á veciñanza para debater sobre o futuro da praza do Concello de Becerreá

O Concello de Becerreá organiza unha sesión participativa para definir o futuro da praza do Concello e da súa contorna.
A iniciativa terá lugar o martes 9 de decembro, na Casa da Cultura, en horario de 19:00 a 20:30 horas, e está aberta a toda a veciñanza interesada en achegar propostas e opinións sobre este espazo central do municipio.
A actividade enmárcase nun proceso de planificación que busca renovar e mellorar a praza, converténdoa nun lugar máis accesible, funcional e representativo da vida social de Becerreá. Durante a sesión, explicarase o punto de partida do proxecto e recolleranse suxestións que poderán incorporarse ao deseño final.
O Concello anima a participación cidadá como ferramenta fundamental para garantir que a nova praza responda ás necesidades reais da poboación. O evento contará coa colaboración da entidade RIA e celebrarase na Casa da Cultura de Becerreá, situada na Rúa Eulogio Rosón, s/n.