Convocan aos comercios para participar no mercado de Nadal “Nadalmente Lucense”

Os comercios lucenses interesados en participar no Mercado de Nadal “Nadalmente Lucense” aínda teñen tempo de presentar as súas solicitudes para formar parte dun dos eventos máis tradicionais do inverno na cidade. O mercado desenvolverase do 5 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza Maior, e os negocios locais poderán solicitar a súa participación de xeito gratuíto ata o venres 28 no Rexistro Xeral do Concello de Lugo.
As quendas das casetas serán: do 5 ao 14 de decembro; do 15 ao 21 de decembro; do 22 ao 28 de decembro; e do 29 de decembro ao 5 de xaneiro. Os cambios de ocupante realizaranse entre as 21:00 e as 23:00 horas, garantindo que a caseta estea montada entre as 8:30 e as 10:00 horas do día seguinte. Os horarios do mercado serán de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas, agás o 24 e 31 de decembro (só mañá) e o 25 de decembro e 1 de xaneiro (pechado).
A adxudicación das casetas farase mediante sorteo público o 2 de decembro ás 10:00 horas no CEI NODUS e publicarase antes do 3 de decembro na web do Concello e no Taboleiro de anuncios. A decoración e o equipamento do mercado crearán un ambiente inmersivo, festivo e acolledor, complementado con actividades paralelas como o Fogar de Santa Claus, o emisario dos Reis Magos, espectáculos e obradoiros para público infantil, cun sistema de valado e plantacións florais que garantan a seguridade e a estética da Praza Maior.
Segundo explica o alcalde, Miguel Fernández, “este mercado é un espazo que combina actividade económica, cultural e de ocio e que invita á participación da cidadanía”.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que a iniciativa busca dinamizar o comercio local, poñendo á disposición dos negocios 20 casetas que se cederán por quendas dunha semana, con horarios amplos para favorecer as compras. Os comercios aos que vai dirixida esta convocatoria son artesáns, comerciantes de alimentación e bebidas, produtos ecolóxicos, decoración, roupa e complementos, regalos, xogos e flores.