Convocan unha cacerolada en Lugo para denunciar a crise humanitaria en Gaza

LugoXa
Esta acción pretende facer soar un ruído colectivo que denuncie esta situación e faga visible a demanda do desbloqueo inmediato da axuda humanitaria
cacerolada-palestina-lugo
28 Jul 2025

A Plataforma Lugo por Palestina súmase ao chamamento internacional da cacerolada promovida pola cineasta palestina Bisan Owda, como forma simbólica de protesta ante a situación de emerxencia humanitaria extrema que sofre a poboación da Franxa de Gaza.

Deste modo, a Plataforma Lugo por Palestina mantén a convocatoria activa e chama a participar todos os xoves ás 21:00 h na Praza Maior, diante do Concello, nunha cacerolada colectiva, e tamén a facer soar unha cacerola cada día ás 18:00 h desde calquera lugar —na casa, na rúa ou fronte a institucións ou empresas cómplices— como acto simbólico de apoio.

Anímase a enviar fotos ou vídeos destes actos ao perfil de Instagram @lugoxpalestina ou ao correo electrónico lugoxpalestina@gmail.com para seren difundidos.

"O son das cacerolas érguese como símbolo de solidariedade, de resistencia e de vida, ata que a voz de Gaza sexa escoitada e o bloqueo poida ser derrubado definitivamente", explican.

Como explica o colectivo, o bloqueo imposto por Israel desde o 2 de marzo restrinxe drasticamente a entrada de comida, auga e medicamentos, segundo alertan fontes oficiais como a UNRWA. Máis de 244.000 persoas viven na fase 5 de inseguridade alimentaria —a máis grave da escala IPC— e enfróntanse a ameazas reais para a súa supervivencia. O 75 % das terras agrícolas foron destruídas ou danadas, mentres o acceso a auga potable caeu nun 94 % con respecto ao subministro previo ao xenocidio.

Nos últimos 80 días, a UNRWA documentou 111 mortes por inanición, maioritariamente de crianzas, e advertiu de que 1 de cada 10 menores de 5 anos atendidos nas súas clínicas presenta desnutrición. Só en xuño rexistráronse máis de 5.800 novos casos, dos cales máis de mil eran de desnutrición severa. A ONU alerta de que máis de 1.000 persoas foron asasinadas desde maio ao intentar acceder aos escasos repartos de comida, describindo a situación como “unha cacería masiva” por parte de francotiradores israelís contra civís famentos.

A cacerolada, xa replicada en cidades como Ibiza ou Madrid, pretende facer soar un ruído colectivo que denuncie esta situación e faga visible a demanda do desbloqueo inmediato da axuda humanitaria. En Lugo, arredor de 100 persoas participaron nas primeiras mobilizacións realizadas na Praza da Milagrosa e na Praza Maior, fronte ao Concello, facendo soar as súas cacerolas nun acto de solidariedade e denuncia.

 

⚙ Configurar cookies
0.14484477043152