Convocan unha manifestación-asemblea contra o peche do centro médico de Doiras, en Cervantes

LugoXa
Son 13 os colectivos asinantes desta convocatoria coa que piden á Xunta que cubra de maneira inmediata a praza de médica que fica vacante
asemblea_centro_de_saude_doiras
28 Xuño 2024

Segundo as últimas informacións trasladadas polo conselleiro de sanidade no Parlamento, a Xunta non vai continuar prestando atención no consultorio de Doiras nos meses de xullo e agosto. E póñense en dúbida as súas intencións de cara setembro, o que xera grandes dúbidas sobre o mantemento da prestación deste servizo público esencial.  Deste xeito, 13 colectivos rexeitan o peche do consultorio de Doiras e demandan á Xunta que cubra de maneira inmediata a praza de médica que fica vacante no centro de saúde de Doiras, así como que garanta a continuidade da enfermaría co obxectivo de que a poboación adscrita a este centro continúe a recibir asistencia con normalidade nel.

Até o de agora, o centro de saúde de Doiras viña prestando asistencia sanitaria de luns a venres entre as 10.00 e as 15.00 horas a un total de 238 persoas. Agora, esta poboación pode ter que desprazarse 18 quilómetros máis dos que xa fai agora. Unha distancia que en tempo se multiplica pola orografía do concello, chegando a desprazamentos de arredor de 40 minutos. Esta situación é especialmente grave ao tratarse dunha poboación de máis de 65 anos na súa maior parte que non dispón de servizo de transporte público.

Ademais, afectará de xeito importante á calidade do servizo prestado no conxunto do concello. Por iso fan unha convocatoria de concentración-asemblea este sábado día 29 de xuño de 2024 ás 21.00 horas diante do consultorio de Doiras. Como asinantes encóntranse a Asociación cultural xuvenil A Cambela, Anpa CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia, A.C. O Teixeiro.

0.18948698043823