Convocan unha nova manifestación contra a fábrica de Altri en Palas

LugoXa
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa convocan unha mobilización nacional
manifestacion_palas_ulloa_viva_
7 Xuño 2024

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa convocan unha mobilización nacional sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri. Será o vindeiro domingo 30 de xuño en Santiago, un chamamento a milleiros de persoas para “Arrodear San Caetano”. Este novo acto reivindicativo da sociedade civil contra a ameaza de Altri volverá concentrar milleiros de persoas amosando de novo, logo da manifestación en Palas de Rei do 26 de maio, o rexeitamento de toda Galicia ao proxecto da pasteira.

Na rolda de prensa tomaron a palabra o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, e a voceira da Plataforma Ulloa Viva Zeltia Laya. Ao acto asistiron ademáis na Libraría Couceiro de Santiago representantes de distintos colectivos que xa expresaron o seu apoio a esta convocatoria. Ambos voceiros explicaron que este “Arrodea San Caetano” forma parte das accións e o traballo que ambas plataformas están levando a cabo para denunciar o “desastre medioambiental, social, económico e cultural” que a macrocelulosa de Altri suporía para o corazón de Galicia e todo o curso do Ulla ata a Ría de Arousa.

A Xunta de Galicia “meteunos neste problema e a Xunta de Galicia terá que sacarnos del”, por iso milleiros de persoas volven ás rúas o 30 de xuño en Compostela para pedir ao goberno de Rueda, arredor da súa sede institucional, que escoite aos veciños e veciñas e paralice e poña fin a este ataque a Galicia”. O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou que a instalación dunha macrocelulosa na cabeceira do río Ulla, en Palas de Rei, vai ter un impacto moi importante na calidade ambiental das comarcas directamente afectadas, “pero tamén no conxunto do río e na ría de Arousa”.

Iso é o que di a documentación aportada pola empresa no procedemento administrativo, “con parámetros de contaminación no límite do legal”, que “van provocar unha intensa e extensa contaminación atmosférica acompañada dunha vertedura de 30 millóns de litros de auga ao día no encoro de Portodemouros “que está xa na actualidade nunha situación límite con procesos de eutrofización e presenza de cianobacterias recoñecidas pola documentación da empresa entre xullo e setembro”.

Consecuencias negativas no Camiño

Segundo explicou o presidente da PDRA, ese deterioro da calidade ambiental tanto atmosférica como das augas “vai traer unhas consecuencias moi negativas para o entorno patrimonial e turístico do Camiño de Santiago; unha afección a toda a contorna produtiva agro-gandeira e de transformación e de produtos ecolóxicos, pero asemade vai degradar o río Ulla coa súa riqueza troiteira e incrementar os graves problemas do sector marisqueiro na ría de Arousa”. Todo esto, segundo alertou Xaquín Rubido “vai destruír os nosos postos de traballo sostibles, os nosos produtos de calidade e a nosa soberanía alimentar”.

Zeltia Laya explicou que “todas as persoas que traballan no agro e no mar, coa natureza e os seus recursos saben que si se esgotan estes recursos tamén se anula a nosa vida, por iso hai que ser conscientes de que a protección e defensa da natureza ten que ser cada vez maior”.

A voceira de Ulloa Viva Zeltia Laya referiuse a algunhas das afirmacións da empresa como a de que non van consumir auga, senón usala. Asegurou que “eu e calquera de vós tamén usamos a auga pero parecemos nas estatísticas coma consumidores que somos dese recurso, e non pedimos unha captación de 46 millóns de litros de auga ao dia”. Tamén din que a empresa non vai ter impacto no medio ambiente.

“Pero no seu proxecto recoñecen 8.754 kilos de gases contaminantes ao día por unha cheminea de 75 metros de alto, e unha contaminación diaria ao río Ulla de 62.010 litros de nitróxeno, fósforo, sulfatos e sólidos suspendidos”, dixo a voceira de Ulloa Viva. En canto a devolver a auga máis limpa: “Entón por que a devolven? Nun proxecto de 1.000 millóns de euros de investimento non son capaces de facer recircular a auga na súa planta sen ter que devolvela ao río para volver a captala?, cuestionou Laya.

0.13731503486633