Convócase a segunda edición do Premio de Humanidades José Castiñeira en Lugo

LugoXa
O galardón recoñece a persoas ou institucións pola súa contribución á convivencia social, á cultura e ás artes
Premio-José-Castiñeira-Orfeón-Lucense
29 Sep 2025

O Orfeón Lucense, en colaboración coa Diocese de Lugo, a Catedral e a familia do seu fundador, José Castiñeira Pardo, convocou a segunda edición do Premio de Humanidades que leva o seu nome.

O recoñecemento busca honrar a persoas ou institucións que, pola súa traxectoria e entrega, destaquen no labor humanístico, nas artes ou nas letras, e contribúan á mellora da convivencia social e das relacións humanas, seguindo o exemplo do musicólogo, crego e profesor ao que se homenaxea.

O galardón terá carácter anual e consistirá nunha placa conmemorativa que se entregará nun acto público e solemne no claustro da Catedral de Lugo. A cerimonia celebrarase o último domingo de outubro, coincidindo co cabodano de Castiñeira, despois da misa conmemorativa e antes da tradicional ofrenda na súa tumba.

O xurado estará composto por representantes do Orfeón Lucense, da familia Castiñeira, da S.I.C.B. e da Diocese, podendo incorporar tamén persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

As propostas poden ser presentadas por asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, particulares e mesmo polos membros do xurado, acompañadas dunha exposición razoada dos méritos do candidato ou candidata. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de outubro, e as solicitudes poden enviarse ao correo info@orfeonlucense.com ou entregarse persoalmente nas oficinas do Pazo Episcopal de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.091860055923462