Córtase o acceso peonil ao adarve da Muralla para continuar coas obras na rúa do Teatro

LugoXa
O Goberno Local anuncia un corte provisional no acceso peonil ao adarve da Muralla na Porta da Estación.
23 Feb 2024

O Goberno Local anuncia un corte provisional no acceso peonil ao adarve da Muralla na Porta da Estación. Esta medida, que impedirá o uso das escaleiras temporalmente, resulta necesaria para continuar cos traballos de peonalización na zona baixa da rúa Teatro, evitando deste xeito o tránsito continuo de persoas mentres colocan a pedra, evitando posibles riscos debido a que neste punto de obras existen gabias abertas.

Neste senso, colocaranse unhas vallas para cortar o acceso durante uns días, que previsiblemente serán retiradas a finais da vindeira semana. Ademais, o Goberno Local lembra que as escaleiras da Porta Falsa, situadas uns metros máis adiante, atópanse abertas. Por outra banda, co obxectivo de axilizar as obras todo o posible e realizalas cando menos molestias impliquen para a cidadanía e o conxunto da actividade do centro, este sábado continuarán os traballos no fondo da rúa Teatro, afectando aos mesmos garaxes que esta semana, dende o mércores.

Estas dúas circunstancias xa se deron a coñecer aos colectivos de veciños e empresarios do Centro Histórico. O Executivo Municipal lamenta as molestias que os traballos poidan ocasionar aos residentes e comerciantes e recorda que se trata dun corte puntual e de curta duración; así mesmo, agradece a colaboración da Deputación Provincial para facilitar accesos alternativos.

0.15926098823547