Cosmos Quartet ofrece un concerto en Lugo con obras de Mozart e Webern

LugoXa
A Sociedade Filarmónica de Lugo organizará un concerto o día 14 de abril no Salón Regio do Círculo de las Artes.
7 Abr 2024

O vindeiro mércores 10 de abril o Círculo das Artes de Lugo acolle un concerto organizado pola Sociedade Filarmónica de Lugo ás 20.00. Un concerto de Cosmos Quartet no que interpretarán obras de Mozart, Webern, Rumbau e Brahms. Os asistentes poderán gozar de Bernat Prat e Helena Satué ao violín, de Lara Fernández á viola e de Oriol Prat ao violonchelo.

O cuarteto, creado en Barcelona en 2014, consolidouse como un dos cuartetos de corda máis atractivos do panorama musical actual. As súas interpretacións, que abarcan música dende o século XVIII ata a máis actual, son recibidas con eloxios pola crítica e definidas como honestas, elegantes, expresivas e cativadoras. Realizou a súa formación na European Chamber Music Academy (ECMA) dirixida polos titores Hatto Beyerle e Johannes Meissl, e na Universidade de Hannover co profesor Oliver Wille.

Dende os seus inicios a formación obtivo un amplo recoñecemento co primeiro premio no concurso Irene Steels-Wilsing Foundation Competition 2018 de Heidelberg, o primeiro premio no Concurso de Música de Cámara BBVA Montserrat Alavedra 2018, así como os terceiros premios no Jospeh Joachim International Chamber Music Competition 2019 de Weimar e o Carl Nielsen International Chamber Music Competition 2015 de Copenhaguen.

Dende a tempada 2021-22 ata a 2023-24 son grupo residente no Palau da Música Catalá de Barcelona, ​​cun ciclo de 8 concertos dedicados a Robert Schumann, Johannes Brahms e Anton Webern. O grupo participa regularmente nos festivais, ciclos e auditorios máis importantes, como a Bienal de Cuartetos de Barcelona, organizada polo Quartet Casals, o Liceo de Cámara XXI no Auditorio Nacional de Madrid organizado polo CNDM ou o Festival de Granada.

Entre as súas colaboracións destacan os pianistas Alexei Volodin, Juan Pérez Floristán e Varvara Nepomnyashchaya, o Cuarteto Quiroga, os violonchelistas Lluís Claret, Arnau Tomàs, Fernando Arias e Erica Wise e o barítono Konstantin Krimmel. En maio de 2019 publicaron o seu primeiro rexistro discográfico; no 2023 publicaron o segundo álbum que inclúe obras de Beethoven, Brahms e Octavi Rumbau, e en 2024, cun terceiro rexistro, completarán a gravación da integral para cuartetos de corda de Brahms. O cuarteto toca con instrumentos construídos expresamente polo prestixioso luthier barcelonés David Bagué.

0.21859502792358