Cospeito, Begonte e Outeiro de Rei foron recoñecidos coa Bandeira Verde de Galicia

LugoXa | TerraChaXa
A conselleira Ángeles Vázquez subliñou a importancia da Bandeira Verde de Galicia pola visibilidade que lles outorga como territorios responsables e comprometidos
Bandeira-Verde-Cospeito
23 Nov 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor o compromiso co coidado da paisaxe e coa protección ambiental dos concellos recoñecidos coa Bandeira Verde de Galicia.

Durante a súa participación no izado do distintivo concedido ao Concello de Cospeito, a conselleira subliñou a importancia da Bandeira Verde de Galicia pola visibilidade que lles outorga como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.

Nese senso, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que cada vez son máis os concellos que acadan este recoñecemento. Así, en 2024 o Goberno galego concedeu 24 galardóns, un 33 % máis que no ano 2023, dos que 11 conseguiron este distintivo por primeira vez. É o caso de Cospeito, que foi recoñecido, entre outras accións, pola aplicación de medidas de aforro e eficiencia enerxética en inmobles municipais, pola implantación da recollida separada da fracción orgánica, pola aprobación do Plan de acción polo clima e enerxía sostible (PACE) ou por actuacións de mellora paisaxística no parque periurbano de Feira do Monte.

Tamén recibe este distintivo por primeira vez o Concello de Begonte, que, segundo explicou a conselleira, levou a cabo o cambio do alumeado público a tecnoloxía led, a redución de fugas de auga con sistemas de telexestión, o desenvolvemento de dúas campañas de compostaxe doméstico, a posta en marcha dun punto limpo móbil e a implantación do mercado local da enerxía Begonte Genera.

Ángeles Vázquez tamén visitou o municipio de Outeiro de Rei, que recibe este distintivo por cuarta vez logo de ser recoñecido tamén nos anos 2021, 2022 e 2023. Nesta ocasión presentou, entre outras, actuacións de acondicionamento dos roteiros de sendeirismo do concello, a creación dunha área de autocaravanas, a peanolización de espazos urbanos, a mellora da mobilidade en varias contornas, a implantación de puntos de recarga de vehículos eléctricos así como varias accións de sensibilización e comunicación para promover o coñecemento dos espazos naturais do concello.

Para concluír, a conselleira animou aos concellos a optar a este recoñecemento e engadiu que o seu outorgamento constitúe un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas en materia de residuos para construír e mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1855890750885