Cospeito e Outeiro de Rei celebran este mes unha Feira Gastronómica de Produto de Proximidade

LugoXa | TerraChaXa
Na primeira vila será o 19 de outubro, con sabores do monte, e na segunda, o 25 de outubro, con sabores da terra
feira-gastronomica-produto-de-proximidad
9 Oct 2025

Os concellos de Cospeito e Outeiro de Rei celebrarán este mes de outubro as súas Feiras Gastronómicas de Produto de Proximidade, unha cita que reunirá exposicións, degustacións, showcooking e charlas formativas centradas na cociña tradicional e no aproveitamento dos recursos locais.

A primeira das xornadas terá lugar en Cospeito, o domingo 19 de outubro, baixo o título “A Feira Brava: Sabores do Monte”. A praza Campo da Feira acollerá esta cita dedicada aos produtos de caza e outono, como perdiz, faisán, corzo e xabarín, acompañados de cogomelos, castañas, marmeladas e mel. A feira desenvolverase desde as 11:00 ata as 19:00 horas, convertendo o municipio nun punto de encontro para os amantes dos sabores máis silvestres e auténticos.

A segunda cita será en Outeiro de Rei, o sábado 25 de outubro, coa feira “Sabores da nosa terra”, que se celebrará na Praza do Concello. Nesta ocasión, o protagonismo será para os produtos das granxas e da gandería galega, como a ovella galega, os polos campeiros, o porco celta, a tenreira galega e a galiña de Mos. Tamén neste caso, o horario será de 11:00 a 19:00 horas, con actividades abertas ao público e degustacións.

Estas feiras, organizadas polos concellos de Outeiro de Rei e Cospeito coa colaboración da Xunta de Galicia, buscan poñer en valor a calidade dos produtos locais e fomentar o consumo de proximidade, apoiando así ao sector primario e á economía rural da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.10888910293579