Cris Balboa e Lucas Damiani desenvolverán as súas residencias artísticas no Vello Cárcere
As Residencias Paraíso contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa oitava edición, que se desenvolverá ao longo deste 2024 en nove espazos de toda Galicia, entre eles O Vello Cárcere. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM selecciona a Cris Balboa e a Lucas Damiani que terán como residencia as instalacións luguesas.
A creadora escénica galega Cris Balboa presentará o seu proxecto Sinte, no que autobiografía e a música electrónica mestúranse nunha viaxe desde a fraxilidade á celebración. Pola súa banda, O Vello Cárcere acollerá a investigación performativa Hydra, do creador uruguaio afincado en Lisboa Lucas Damiani.
Trátase dun proceso de investigación que vai na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación; unha paisaxe líquida de corpos, sons e materias que revelan o desexo e as súas oscilacións co xeo como elemento de estudo. A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2024 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Bea Fernández (artista e responsable de La Poderosa en Barcelona), Bal Castro (artista galego, artista Paraíso 2023), Lola Correa (comisaria independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
O programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000 euros e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euroscada unha. As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024.