Cristian Villamide reflexionou sobre a natureza e a arte na Despensa do Saa

O artista multidisciplinar Cristian Villamide protagonizou a sesión "De conversa con...", do sábado, na Despensa do Saa.
O encontro, presentado pola escritora Ánxela Gracián, tivo como título Territorio incómodo/territorio acomodado, e centrouse na reflexión do autor sobre a relación entre a natureza e a sociedade.
Durante a súa intervención, Villamide falou da "fenda que se abre entre nós e a natureza que nos dá a vida". O artista destacou que, malia que cada vez miremos máis o noso entorno, "vemos menos", e subliñou que esta desconexión coa natureza pode ser, en ocasións, máis grave que a propia perda de paisaxes ou ecosistemas. A súa reflexión levou ao público a cuestionarse sobre a verdadeira relación co medio ambiente e a necesidade de un maior compromiso individual co entorno.
No transcurso da charla, Villamide tamén compartiu detalles sobre algúns dos seus traballos e fixo un repaso á evolución da arte ao longo do tempo. Destacou, entre outras cuestións, a importancia da coherencia nas accións persoais en relación coa natureza, invitando á reflexión sobre a responsabilidade individual na preservación do medio ambiente.
Este encontro tamén serviu como punto de referencia para a súa actual exposición na Sala Néboa, situada na rúa Lamas de Prado, que leva o título Cando a paisaxe se fixo verba. A mostra, comisariada por Paula Cabaleiro, estará aberta ao público ata o próximo 31 de maio e reflicte as inquietudes do artista sobre a relación entre a palabra e a paisaxe.