Cristina Lombao será a pregoeira do San Froilán 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a xornalista Cristina Lombao foi elixida pregoeira do San Froilán 2025, un recoñecemento á súa traxectoria como unha das voces máis importantes da radio galega.
A ofrenda a Rosalía correrá a cargo da música Branca Villares, coñecida polo seu traballo na recuperación da música tradicional, especialmente na provincia de Lugo.
Ferreiro destacou que o San Froilán "non é só un calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e poñer en valor a Lugo como capital da cultura". A concelleira explicou que o programa contará con máis de 200 actividades e estará pensado para que veciñas e visitantes vivan a festa como unha experiencia colectiva na que se unan música, gastronomía e tradición.
Cristina Lombao, nacida en Lugo en 1964, estudou publicidade e relacións públicas no CENP e traballou en Radio Lugo, RNE Galiza, El Sol e na Radio Galega, onde desenvolveu gran parte da súa carreira. Entre 2007 e 2009 dirixiu e presentou o magacine O Tren do Serán. En 1988 recibiu o premio Nacional de Artes e Tradicións Populares do Ministerio de Cultura.
Pola súa parte, Branca Villares, nacida en Lugo en 1980, é filla de gaiteiro e unha das principais impulsoras da música tradicional galega. Formou parte de diversos colectivos culturais e continúa impartindo formación en canto tradicional e pandeira, promovendo a música como cultura viva e transversal.