Cristina Souto inaugurou a súa exposición 'Rabuñan as voces' na Galería Solaina de Lugo

LugoXa
A mostra Rabuñan as voces convida a reflexionar sobre o pasado, a memoria histórica e a necesidade de abordar as cicatrices que a guerra civil e o franquismo deixaron
Rabuñan-as-voces-mostra-de-arte
15 Mar 2025

A artista Cristina Souto inaugurou a súa exposición Rabuñan as voces na Galería Solaina de Lugo, unha mostra que pon o foco na dor das vítimas dos soterramentos das vítimas franquistas.

A exposición afonda na memoria histórica e no esquecemento do pasado, facendo unha crítica á sociedade democrática que, logo do réxime franquista, sufriu unha amnesia colectiva incapaz de afrontar de forma diferente os horrores do pasado recente.

O punto de partida da mostra é a exhumación en 2007 dunha das máis de 2.500 fosas comúns das vítimas do franquismo en España, como a das Pontes (A Coruña).

A artista utiliza este feito para reflexionar sobre como cada día camiñamos sobre a terra que agocha os restos de miles de persoas que foron vítimas do réxime, ocultadas non só baixo terra, senón tamén polas políticas de Estado que sucederon ao franquismo. Estas políticas continuaron ignorando a súa memoria, optando polo esquecemento e a negación.

Rabuñan as voces explora conceptos como a posmemoria, os lugares de memoria e o espectro derridiano, realizando unha investigación sobre o crime franquista acontecido nas Barosas en 1936, vinculado co presente da vila. A partir deste traballo local, a artista extende a reflexión á crítica da situación a nivel nacional.

A exposición tamén dá luz aos sentimentos de imposibilidade do dó, trauma e segredo que quedaron latentes durante anos, amosando unha tentativa de exorcizar esas "pantasmias" mediante a acción artística. O proxecto busca visibilizar estes feitos históricos e propoñer novas formas de aproximación dende unha perspectiva interdisciplinar, confiando na capacidade da arte para denunciar e cumprir un papel reparador na sociedade.

A mostra Rabuñan as voces convida a reflexionar sobre o pasado, a memoria histórica e a necesidade de abordar as cicatrices que a guerra civil e o franquismo deixaron na sociedade galega e española.

⚙ Configurar cookies
0.59326505661011