Critican a actuación urbanística no Carril das Flores por falta de planificación integral

A Plataforma "Outro Garañón... na Muralla", integrada por asociacións, colectivos e persoas a título individual, vén de denunciar o procedemento na adxudicación de dous proxectos urbanísticos no Carril das Flores, "zona de especial relevancia histórica e patrimonial ao tratarse da entrada do Camiño Primitivo de Santiago na cidade e estar situada na contorna da Muralla Romana, ambos recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Mundial", defenden.
Segundo manifestou o colectivo, o Goberno municipal contratou en novembro de 2024, a través de dous contratos menores, a redacción de proxectos para a reurbanización dun tramo do Carril das Flores e a modificación estrutural da zona situada entre esta vía e a rúa Montero Ríos. Os proxectos inclúen intervencións en pavimentación, mobiliario, iluminación, xardinería, así como a demolición da explanada diante do número 14 do Carril das Flores e a súa substitución por unha pasarela.
A plataforma considera que estas actuacións, aínda que necesarias, resultan insuficientes e carentes dunha visión integral, ao non abordar a problemática derivada da modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) no Quinteiro 214A, nin outras cuestións urbanísticas relevantes na zona.
Un dos principais puntos de crítica é a elección do procedemento de adxudicación. O colectivo sinala que, dada a complexidade do ámbito, situado no trazado do Camiño Primitivo, na zona de amortecemento da Muralla Romana e no Recinto Histórico de Lugo, todos Bens de Interese Cultural (BIC), o proxecto debería ter sido licitado mediante un concurso de proxectos conforme á Lei 9/2022 de Calidade da Arquitectura.
Ademais, a Plataforma defende que a intervención debería abranguer a totalidade do Carril das Flores, desde a rúa San Eufrasio ata a rúa San Roque, incluíndo o controvertido Quinteiro 214A. Propón, ademais, a elaboración dun plan especial que resolva os múltiples aspectos urbanísticos pendentes, como o uso de solos destinados a equipamentos, a mellora da calidade paisaxística de fachadas catalogadas e a redefinición de espazos verdes e de lecer nun entorno con alta densidade de poboación e escasa dotación de espazo público.
En terceiro lugar, o colectivo insta á redacción duns criterios ou bases de calidade para un futuro concurso de proxectos, que teñan en conta tanto os condicionantes patrimoniais e ambientais como as necesidades sociais. Para iso, solicitan un proceso participativo que integre a cidadanía e expertos, tendo como referencia as achegas do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Lugo), a Real Academia Galega de Belas Artes e o informe de ICOMOS.
A Plataforma Outro Garañón... na Muralla reitera a súa disposición a colaborar nunha reflexión ampla e transparente sobre o futuro urbanístico deste ámbito senlleiro da cidade, co obxectivo de garantir unha intervención respectuosa, integradora e de calidade.