Critican a reforma do casco histórico de Lugo por falta de planificación e resultados "decepcionantes"

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denunciou a falta de planificación, transparencia e rigor na execución das obras de reforma do casco histórico da cidade, oficialmente rematadas tras dous anos de traballos e un investimento superior aos cinco millóns de euros, financiados con fondos municipais e cunha achega importante da Unión Europea.
Segundo o vicevoceiro popular, Ramón Carbarcos, a actuación quedou moi por baixo das expectativas xeradas polo propio executivo local, ao que acusan de ter “vendido un modelo de humanización que non se cumpriu e que xerou máis frustración que melloras reais para os lucenses”.
Desde o grupo popular lembran que levaron este asunto ao primeiro pleno ordinario do mandato, en xullo de 2023, e que mesmo impulsaron a celebración dun pleno extraordinario sobre esta cuestión en novembro dese mesmo ano. Con todo, critican desde o Goberno local non quixeron aceptar colaboración nin tampouco tiveron en conta as propostas formuladas desde a oposición.
Os populares consideran que o proxecto de reforma derivou nun proceso “de improvisacións constantes”, que provocou problemas de tráfico, confusión entre a cidadanía e unha sensación xeneralizada de inseguridade para os peóns. Ademais, sinalan que foron numerosas as críticas técnicas que cuestionaron algunhas das solucións adoptadas, e poñen como exemplo a praza de San Fernando ou o monumento ao bimilenario na praza de Santo Domingo, que “non ofrecen a imaxe nin as solucións prometidas durante o longo proceso de reforma”.
Acusan tamén ao goberno local de actuar “desde a imposición e sen diálogo”, nin coa veciñanza nin coa oposición, e critican que se sigan tomando decisións de forma pouco transparente. Un dos casos máis significativos, segundo o PP, é o do monumento ao bimilenario, que será modificado tras unha vaga de críticas mal xustificadas con informes non vinculantes de Patrimonio, o que a xuízo dos populares supón un recoñecemento implícito do erro cometido.
A pesar das críticas, o Grupo Popular asegura que segue disposto a colaborar para corrixir o que consideran un “despropósito”, pero reclaman que se recoñezan os erros e se restableza o diálogo tanto coa cidadanía como cos axentes sociais e a oposición. Segundo Carbarcos, esta obra, ademais de ser custosa, “non conseguiu reducir o tráfico no centro histórico, nin recuperar a dignidade dun espazo de alto valor patrimonial, nin establecer un modelo claro e funcional de mobilidade que respecte a identidade da cidade”.