Critican as reparacións feitas no tellado de Santa María

LugoXa
Ameijide indica que “as actuacións de urxencia non foron máis que un parche de 4.852 euros que non soluciona o problema estrutural do edificio"
traballos-reparacion-tellad-centrad
17 Jan 2025

O portavoz do PP, Antonio Ameijide, pregunta ao goberno provincial de PSOE e BNG polo estudo para a reparación integral da cuberta das instalacións provinciais onde se atopa o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), toda vez que “as actuacións de urxencia executadas no pasado outono no pavillón IV do Fogar de Santa María, en Lugo, non son máis que un parche que non soluciona o problema estrutural”. De feito, “unhas actuacións de menos de 4.852€ non son suficientes para solucionar os problemas de goteiras e filtracións que se deben a moitos anos de abandono por parte do goberno provincial”.

Ameijide lembra que “os traballadores e visitantes sufriron durante meses os problemas de goteiras que se rexistraban por todo o edificio e só foi despois dunha denuncia pública cando o Vicepresidente, e responsable da área, anunciaba unha actuación de urxencia, que non deixou de ser un parche de pouco máis de 4.000 euros”. Así, o popular engade agora que “é necesaria unha intervención integral que garanta a conservación do inmoble e dos obras e materiais que garda, ademais da seguridade dos seus usuarios e usuarias”.

As goteiras provocaron durante moito tempo filtracións, o peche de salas e outros estragos nas instalacións chegando, nos casos máis graves, a desprenderse partes do teito. Isto débese a “anos de esquecemento de PSOE e BNG sen realizar as necesarias obras de conservación”.

Tendo en conta que alberga obras e materiais de valor histórico e cultural, os deputados do Grupo Provincial esixen, ademais de garantir a súa conservación, a súa posta en valor.

NULO MANTEMENTO DE PROPIEDADES PROVINCIAIS

O popular asegura que “este só é un exemplo máis da falta de mantemento por parte deste goberno de PSOE e BNG das propiedades da Deputación de Lugo”. Ameijide lembra “o problema de filtracións tamén nas instalacións da Escola de Piragüismo que xa denunciamos no seu día, o mal estado da rede de estradas provincial froito de anos sen unha correcta conservación e mellora, o abandono da ruta da Fervenza (Lugo-O Corgo), do complexo turístico de Augasmestas (Quiroga) ou da nave de Begonte e do material almacenado ata que os deputados do Partido Popular puidemos acceder e denunciar a situación”.

Antonio Ameijide engade que “este goberno dispón de moitos máis recursos, tanto económicos como de persoal, que os gobernos que fixeron realidade todas esas instalacións e infraestruturas, pero non son capaces de mantelas”. E indica que “PSOE e BNG prefiren destinar os recursos unicamente a favorecer aos seus amiguetes, curiosamente sempre aos mesmos alcaldes, discriminando a máis da metade da provincia”, segundo denuncia.

0.17377614974976