Critican que Baleira sofre falta de médicos e citas demoradas que poñen en risco a saúde no rural

LugoXa
A deputada do BNG, Olalla Rodil, trasladará ao Parlamento a precariedade do centro de saúde e esixe cubrir as prazas vacantes
centro-de-saúde-Baleira-BNG
12 Sep 2025

O BNG trasladará ao Parlamento galego, a través da deputada Olalla Rodil, a situación que padece o centro de saúde de Baleira, unha realidade que se repite en numerosos concellos de Galicia.

A falta de cobertura das vacacións e das baixas do persoal médico titular por parte da Xunta "provoca que moitas veces os centros queden desatendidos ou atendidos por unha única persoa, que se ve obrigada a abandonar o centro para desprazamentos domiciliarios, deixando sen servizo o propio centro".

Durante unha visita ao centro, veciñas e veciños trasladáronlles que xa se están a dar citas telefónicas para o 22 de setembro unicamente para renovar receitas, unha situación que evidencia a precariedade e a falta de planificación da Xunta do PP.

A deputada Olalla Rodil afirmou que “o que acontece en Baleira non é un caso illado, senón a demostración do abandono sistemático da Atención Primaria por parte do Partido Popular. É inadmisíbel que persoas maiores, moitas delas con doenzas crónicas, teñan que esperar máis de dez días para unha consulta médica e máis dun mes para renovar unha receita. Isto pon en risco a súa saúde e vulnera un dereito fundamental”.

Rodil engadiu que “vivir no rural non pode ser un acto de heroicidade. Non pode ser que se nos encha a boca falando de fixar poboación mentres a realidade é que carecemos de servizos básicos de calidade. Se queremos que a xente quede a vivir no rural precisamos garantir condicións de vida dignas, e iso pasa, en primeiro lugar, por ter educación e sanidade públicas fortes”.

O BNG esíxelle á Xunta que cubra de inmediato as prazas médicas vacantes e dote ao centro de saúde de Baleira dos recursos humanos necesarios para un funcionamento digno e estable, evitando que a veciñanza quede sen atención ou sometida a esperas inasumíbeis.

A formación nacionalista insistiu en que a atención sanitaria é un dereito esencial e non un privilexio. “É unha cuestión de vontade política —engadiu Rodil—. Mentres o PP destina milleiros de euros a propaganda e obras faraónicas, deixa sen médicos a milleiros de galegas e galegos que viven no noso rural”.

⚙ Configurar cookies
0.24769997596741