O Arde Lucus conta cun novo cartel tras as críticas por plaxio

LugoXa
O Concello de Lugo anunciou un novo gañador do concurso de carteis do Arde Lucus 2023 tras as críticas por plaxio
carteis arde lucus fallas
14 Mar 2023

Esta mañá o xurado da elección do cartel do Arde Lvcvs 2023 volveuse reunir tras detectarse que o cartel gañador deste ano presentaba moitas similitudes con outro traballo que foi utilizado para anunciar as fallas de valencia no ano 2018, por este motivo incumpría un dos criterios de valoración das bases publicadas, que esixía que se presentasen ao concurso só deseños orixinais.

Así, tras analizar as semellanzas, o xurado optou por anular o cartel gañador titulado Lucus Ignis, que foi presentado onte, e procedeu a unha nova selección entre as obras preseleccionadas. Finalmente o traballo premiado foi o de María Andrea Freire Parga, titulado Fera Muliers no que a muller adquire un papel protagonista.

Tras anunciar a primeira das obras gañadoras o cartel comezou a recibir fortes críticas veciñais polo seu gran parecido cun dos carteis anunciadores das fallas de Valencia do ano 2018. As dúas obras gardan unha gran semellanza no seu elemento central e na técnica papercut empregada para a realización do deseño.

Este sistema de selección, que non pasa por a contratación deste servizo de forma profesional se non que delega na cidadanía a creación deste elemento gráfico para o Arde Lucus, nunca está exenta de polémica e non é a primeira vez que xorde a crítica sobre o cartel escollido.

O xurado, integrado polo artista Manuel Andrés Pallín; por Mónica López, licenciada e doutorada en Belas Artes, e Antonio Cruz, profesor da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, valorou especialmente a limpeza do cartel, “directo e moi orixinal onde o autor foi capaz de plasmar nunha chama o espírito e o lume da Arde Lvcvs, unha festa que non se apaga”.

Na Casa da Xuventude están expostos os 36 traballos presentados ao concurso.

Todos eles pasaron primeiro polo filtro das redes sociais do Arde Lvcvs, onde se fixo unha votación popular na que participaron preto de 5.000 persoas para a preselección. O 50% dos carteis máis votados sometéronse á elección final do xurado. O gañador recibirá un premio valorado en 1.500 euros.

novo Cartel Arde Lucus 2023
0.21642589569092