Cruce de acusacións entre PSOE, Independentes e PP polas contas de Rábade

LugoXa | TerraChaXa
Confirmouse a intervención das súas contas pola Xunta de Galicia e a necesidade de aprobar un plan financeiro para recuperar o equilibrio orzamentario
concelleiros-oposicion-rabade
9 Oct 2025

O Concello de Rábade vén de situarse no centro da polémica política tras confirmarse a intervención das súas contas pola Xunta de Galicia e a necesidade de aprobar un plan financeiro para recuperar o equilibrio orzamentario. A situación provocou un intenso debate no último pleno municipal, no que PSOE, Independentes por Rábade e PP intercambiaron reproches sobre a xestión económica e política do municipio.

O Grupo Municipal Socialista, a través do seu voceiro Alejandro Martínez Campos, denunciou “a grave inestabilidade económica e institucional” que vive o Concello baixo o goberno do PP, marcado pola intervención das contas, a renuncia do primeiro tenente de alcaldesa e o incumprimento da convocatoria da FEGAMP para gardar un minuto de silencio polas vítimas de Gaza. Os socialistas criticaron “a falta de transparencia” na xestión dos fondos públicos e advertiron que “as contas municipais foron intervidas por non cumprir a normativa fiscal e contable”. Martínez acusou á alcaldesa de “negar a realidade” e de deixar o Concello “sen rumbo nin responsabilidade política”.

Pola súa banda, o grupo Independentes por Rábade alertou tamén do “descontrol no gasto corrente” e da forte caída do remanente municipal. “Cando deixamos o goberno había 1,49 millóns de euros, e ao final do ano quedaron 600.000, ademais de 260.000 euros en débedas. Baixáronse case un millón de euros sen facer obras nin investimentos”, aseguraron. Os independentes sinalaron que o gasto aumentou en partidas como festas ou recollida do lixo, e criticaron que “non hai explicación lóxica, xa que incluso subiron os ingresos do Estado un 30%”.

Desde o Partido Popular, a alcaldesa Reme González defendeu a xestión municipal e asegurou que “o Concello non está en bancarrota nin moito menos”. Explicou que o plan financeiro é unha medida “habitual noutros concellos” cando se supera o límite de gasto e insistiu en que “Rábade ten solvencia económica”. Segundo González, o gasto adicional de 2024 —uns 200.000 euros— responde a pagos pendentes de obras como a rúa Coronel Andrade e á achega municipal ao proxecto do Cine Man, financiado en parte con fondos europeos. “Do millón e medio de remanente, 500.000 euros estaban comprometidos en proxectos europeos e agora mantemos uns 700.000 euros, o que nos dá certa marxe”, explicou.

A alcaldesa acusou á oposición de “alarmar á poboación con mensaxes catastrofistas” e defendeu que o Concello “mantén estabilidade e capacidade para seguir facendo fronte aos compromisos municipais”.

Con todo, a intervención das contas e o clima de tensión política deixan a Rábade ante un escenario de incerteza que obriga a aprobar un plan financeiro para garantir a súa sustentabilidade económica nos próximos exercicios.

⚙ Configurar cookies
0.079645872116089