Cruce de acusacións tralo peche de dúas empresas da Tinería
O PP de Lugo asegura que dous dos emprendedores que resultaron adxudicatarios dos locais municipais na Tinería tiveron que pechar, ao non poder facer fronte aos custes da reforma para acondicionar os baixos e tendo en conta, ademais, que a concesión é soamente por 4 anos. Pasado ese prazo, os locais terían que sair de novo a concurso, ao non haber posibilidade legal de prórroga.
Os populares lembran que todos os emprendedores que obtiveron a cesión dun local neste barrio lucense tiñan que asumir a reforma e acondicionamento, incluíndo obras como a pavimentación e a instalación e alta da luz, a auga ou a calefacción.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
O goberno local, pola súa banda, saíu en resposta dos populares lembrando que no seu día asumiu a xestión deses locais da Tinería, propiedade da Xunta, para evitar que fosen sacados a subasta despois de teren sido rehabilitados con fondos públicos. Din tamén que o Concello estableceu para os emprendedores alquileres simbólicos, que van dos 10 aos 75 euros ao mes, e que non os cobrou durante o estado de alarma. As empresas e os autónomos da Tinería, engaden, puideron ademais optar a recibir as axudas directas do Concello a través do Plan Reanima.
Desde o equipo de goberno acusan aos populares de mentir e din que os emprendedores que renunciaron aos locais foron, nun caso, porque nun dos espazos se atoparon restos arqueolóxicos e a Xunta advertira aos adxudicatarios de que era necesaria a súa posta en valor, e noutro, por problemas da propia empresa, alleas ás condicións establecidas polo ente municipal.
O Concello, aseguran, prorrogará a concesión mentras dure o convenio coa Xunta de Galicia.