Cruz Vermella Lugo firma un convenio de colaboración co Sergas
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asinou esta semana un convenio de colaboración entre o Sergas e a Cruz Vermella Lugo para o desenvolvemento da súa unidade asistencial de drogodependencias e unidade de día que conta cun equipo de 16 profesionais educadores, de psicoloxía, traballo social, socioloxía, farmacia, enfermaría, medicina e administrativos. Por parte da institución humanitaria o convenio foi asinado polo seu presidente, Luis Abelleira Mayor.
En concreto, a Xunta incrementa a achega ao convenio con Cruz Vermella Lugo nun 7 % ata os 747.763 euros. Grazas a esta contribución, ao longo do ano 2023, foron asistidas no marco deste convenio un total de 545 persoas beneficiarias, das que 428 foron homes e 117, mulleres.
Na súa unidade asistencial, que funciona de luns a venres en horario de mañá e tarde e as mañás de fins de semanas e festivos, esta institución desenvolve un programa de substitutivos de opiáceos, un programa de atención á patoloxía dual e programas específicos de atención a mulleres, a menores e ao xogo patolóxico. Ademais, as persoas usuarias, dos 42 concellos lucenses que abrangue Cruz Vermella, tamén participan en actividades de formación.
Na visita ás instalacións da unidade para a sinatura do convenio, estiveron presentes o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; en representación da Delegación territorial de Lugo, Javier Arias Fouz; a subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco Lobeiras, e o xerente de Cruz Vermella Lugo, José Luis Fernández Armesto.