Cruz Vermella percorre o rural lucense coa Cantina Social para acompañar ás persoas maiores e combater a soidade

LugoXa
A iniciativa, que se desenvolve nunha camper adaptada, ofrece actividades de estimulación e encontros sociais para fomentar o envellecemento activo e os vínculos comunitarios
Cantina-Social-Cruz-Vermella-Lugo
22 Jul 2025

Cruz Vermella puxo en marcha en Lugo unha nova iniciativa chamada Cantina Social, un proxecto que percorre diferentes zonas rurais da provincia a bordo dunha camper especialmente acondicionada para achegarse ás persoas maiores que viven en contornos illados. O obxectivo principal é crear espazos de encontro, participación e acompañamento que melloren a súa calidade de vida e loiten contra a soidade non desexada.

Durante cada visita, os equipos da organización desenvolven con elas actividades como xogos de mesa, exercicios de memoria ou estimulación cognitiva, promovendo así tanto o entretemento como a actividade mental. Unha das propostas máis innovadoras é o uso de lentes de realidade virtual, que lles permite “viaxar” a calquera parte do mundo sen saír da súa aldea, ofrecendo experiencias emocionantes e estimulantes sen necesidade de desprazarse.

A Cantina Social non só busca o lecer ou o fomento do envellecemento activo, senón que tamén pretende recuperar o espírito das antigas reunións parroquiais, creando lugares onde a veciñanza poida xuntarse, conversar e compartir lembranzas. “Queremos que a Cantina Social sexa unha ferramenta de conexión, de lembranzas e tamén de futuro. Que sirva para poñer en valor ás persoas maiores e devolverlles a compañía que tanto merecen”, explican desde Cruz Vermella Lugo.

Este proxecto insírese nas accións que a entidade está a desenvolver no rural lucense para garantir unha atención máis próxima e humana, reforzar os vínculos sociais e contribuír ao benestar das persoas maiores, un colectivo prioritario para a organización.

⚙ Configurar cookies
0.16523289680481