Cualifican á Festa da Androlla como "un auténtico escaparate para mostrar a nosa rica gastronomía"

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou o evento que se celebra este domingo, 2 de marzo, en Navia de Suarna, xunto ao alcalde
Festa-da-Androlla-Deputación
28 Feb 2025

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a XXXIV Festa da Androlla, que se celebrará este domingo 2 de marzo, coincidindo coa festividade do Entroido.

A Deputación de Lugo colabora con esta festividade gastronómica que, segundo explicou Rivera, "é un auténtico escaparate para amosar a nosa rica gastronomía, as nosas tradicións e, por suposto, os produtos máis autóctonos da nosa terra".

Ademais, destacou que a Festa da Androlla cumpre 34 anos de historia e subliñou o esforzo de todo o equipo de Goberno de Navia por manter viva esta cita que "supón un revulsivo económico importante para o municipio".

Rivera tamén resaltou o valor cultural da androlla, un produto que, como sinalou, "representa a nosa identidade". "É un embutido elaborado artesanalmente a base de costela de porco adobada, con ingredientes de primeira calidade. Un manxar que pasou de ser producido para autoconsumo a cruzar fronteiras, sendo apreciado tanto dentro como fóra da nosa terra", engadiu o deputado.

José Fernández, alcalde de Navia de Suarna, destacou que a Festa da Androlla é "unha das máis consolidadas a nivel gastronómico na provincia de Lugo" e que este evento é unha oportunidade para dar a coñecer a vila a todas as persoas que se acheguen a disfrutar da festa. "Este produto é unha tradición no noso municipio dende fai moitos anos", engadiu o rexedor.

Máis de 2.000 quilos de androlla á venda

Este ano, a XXXIV Festa da Androlla espera superar os 2.000 quilos deste delicioso embutido que se venderon en edicións anteriores.

O programa de actividades comezará ás 10:00 horas cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas e unha proba de habilidades. Ás 10:30 horas, arrancará oficialmente a Festa da Androlla coa apertura de postos, onde os asistentes poderán adquirir produtos típicos e artesanais. Ás 13:00 horas, terá lugar unha degustación de androlla na Praza da Vila.

Ás 15:00 horas celebrarase o xantar oficial, e ás 18:00 horas, o grupo de gaitas ofrecerá unha nova actuación, seguida da clausura da feira.

Con unha programación repleta de actividades e a oferta dun produto local de gran tradición, a Festa da Androlla consolídase unha vez máis como unha cita ineludible para os amantes da gastronomía e da cultura da Montaña de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.63230109214783