Culmina a renovación e humanización da Calzada da Ponte
A intervención incluíu o soterramento de servizos, a reparación da rede de saneamento, a creación de zonas de descanso e a instalación de novo alumeado e mobiliario urbano.
A Calzada da Ponte loce totalmente renovada tralos traballos de peonalización e humanización cos que o Goberno de Lara Méndez mellorou o confort desta vía, potenciando o seu uso e desfrute por parte da cidadanía, ao tempo que puxo en valor o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX. A rexedora, acompañada de membros do Executivo, e de numerosos veciños e veciñas, inaugurou este venres a actuación, que supuxo un investimento de 1.371.748 euros.
Lara Méndez apuntou que “hoxe é un día de gran satisfacción, xa que despois de meses de traballo, poñemos a disposición de todas e todos os lucenses un espazo totalmente renovado, máis accesible, cómodo e seguro, para facilitar a conexión a pé entre o centro e a zona fluvial do río Miño, rexenerando e recuperando unha das zonas máis fermosas da cidade e de maior riqueza patrimonial e histórica, xa que coincide na súa totalidade co Camiño Primitivo e parte da Vía Romana XIX”.
Neste senso a alcaldesa destacou que “esta actuación é un claro exemplo da transformación que estamos a levar a cabo dende o executivo municipal para acadar unha cidade máis sostible, cómoda, amable e enfocada nas persoas, restrinxindo o tráfico rodado e introducindo elementos de descanso e espazos de convivencia nun emprazamento que ata o de agora interpretábase como zona de paso”.
“Ademais, con estas obras melloráronse os pasos inferiores existentes, que se rexeneraron visualmente e dotáronse de maior luminosidade, para incrementar a súa eficiencia enerxética, e con perspectiva de xénero; ao tempo que se levou a cabo o soterramento de servizos, a reparación da rede de saneamento, e a instalación de novo alumeado, así como a disposición de novo mobiliario urbano en todo o percorrido, que se embeleceu con zonas verdes e axardinadas”, explicou Méndez.
Así, a rexedora apuntou que “acceder á zona fluvial do río Miño é dende hoxe máis cómodo e seguro para todas e todos os lucenses”. “Cumprimos co dobre obxectivo de favorecer o acceso a pé e en bicicleta á zona do río e ás instalacións e servizos que se atopan na zona fluvial dende o centro da cidade, ao tempo que poñemos en valor a Calzada da Ponte”, concluíu.
Durante o acto de inauguración descubriuse unha placa conmemorativa e, a continuación, tivo lugar unha visita guiada polo barrio do Carme da man do guía Guido Álvarez, ata chegar á Ponte Romana, onde tivo lugar un festexo con xogos infantís e chocolate para os asistentes.
Actuacións realizadas
O ámbito de actuación, de 640 metros de lonxitude, abarcou a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o vial cara o Balneario, aínda que non se chegou ata as termas posto que Patrimonio da Xunta de Galicia non o autorizou.
En todo este ámbito levouse a cabo a substitución dos pavimentos existentes por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.
En canto a estes pavimentos, definíronse tres tipos diferentes, acordes ao ámbito de aplicación. Así, figura un composto por laxas de pedra de granito que se usou en toda a rúa. Outro a base de pedra de granito Rosa Porriño que se instalou entre a Rúa Santiago e Paso Inferior da Rolda do Carme, para definir as zonas de aparcadoiro para residentes. E un terceiro, de aglomerado asfáltico, para o ramal de incorporación desde Calzada da Ponte ao Hostal San Lázaro, no que se repuxo o firme existente, que se atopaba en mal estado.
Esta foi, pois, unha actuación na que se estudou especialmente a mellora da accesibilidade, tendo en conta as características topográficas da zona –a pendente media da Calzada da Ponte é moi elevada–, tratando de mellorar a comodidade dos usuarios e usuarias e facilitando o seu uso, coa substitución do pavimento existente, ao tempo que se dispuxo un itinerario adaptado á entrada desde a Rúa Santiago.
Ademais, reparáronse diversas escaleiras de acceso á Calzada, en especial as que conectan o lado sur da Rolda do Carme coa Calzada da Ponte; cambiáronse as varandas peonís que se atopan na parte superior da Rúa Santiago polo modelo da Rolda da Muralla –para harmonizar o conxunto– e instalouse unha escaleira peonil que conecta o barrio de San Lázaro coa Calzada da Ponte, ademais de substituír a que había na área de descanso do camiño de acceso ao Balneario que se atopaba moi deteriorada.
Levouse a cabo, así mesmo, a humanización de todo o percorrido con zonas axardinadas e mobiliario urbano respectuoso coa entorna patrimonial protexida. Na zona da Rúa Santiago, colocouse un parklet urbano, con xardineiras e bancos de granito, incluíndo respaldo e asento en madeira tratada; e instaláronse dous aparcabicis de aceiro galvanizado para 12 prazas e papeleiras.
A actuación enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER.