Culmina en Monterroso o 38º Festival Internacional de Danza
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu en Monterroso a xornada de peche da 38º edición do Festival Internacional de Danza organizado pola Asociación Cultural Falcatrueiros. O evento, que congregou a numeroso público na Cúpula da localidade monterrosina, contou un ano máis co apoio da Deputación, que realizou unha achega económica de 3.000 euros para a súa celebración.
Pilar García Porto sinalou que esta colaboración enmárcase dentro da estratexia da institución provincial de apoio aos concellos e ao tecido asociativo da provincia. “Creemos firmemente que iniciativas como esta son a mellor maneira de dinamizar a vida social e económica das nosas vilas”, afirmou.
A deputada subliñou o impacto positivo do festival, indicando que "a afluencia de público que desfruta deste referente cultural de danza é unha clara mostra do éxito deste tipo de eventos”. Ademais, tamén destacou que esta cita “non só ofrece unha plataforma para o baile tradicional, senón que tamén serve para amosar a riqueza cultural que nos une, ao tempo que se establecen sinerxías interculturais”.
O Festival Internacional de Danza, que roza as catro décadas de vida, pechou a súa 38º edición con diversas actuacións, entre as que se incluíu o espectáculo da formación de danza local Falcatrueiros, e o grupo colombiano Compañía Artística Creadanza.