Culmina o proceso para a recuperación da contorna do Pazo de Dona Urraca

LugoXa
O Concello acadará a titularidade de varias edificacións para que se incorporen ao resto de soares que xa son titularidade do IGVS co fin de favorecer un mellor desenvolvemento da zona
pazo-dona-urraca-lugo
Pazo dona Urraca e a súa contorna
17 Xul 2024

A Xunta de Goberno Local aproba hoxe o texto do convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para o desenvolvemento da urbanización e a recuperación do pazo de Dona Urraca. “Trátase dun asunto no que levamos tempo traballando de forma intensa como así constatan os encontros mantidos co IGVS ao longo dos últimos meses. A recuperación deste ámbito, que atesoura unha riqueza patrimonial extraordinaria, foi unha prioridade desde a miña chegada á Alcaldía. O noso obxectivo é poñer en valor esta zona do Centro Histórico para completar así a súa rexeneración social e económica e garantir a súa conservación patrimonial, o que dará continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno local na Tinería e noutras zonas próximas como o barrio do Carme”, sinalou a alcaldesa.

Os termos do convenio, que non se modifica en relación ao borrador xa acordado entre ambas as dúas administracións, inclúe, como compromisos do organismo dependente da Xunta, a redacción e solicitude dos proxectos das obras de demolición, rehabilitación e nova construción das edificacións que se inclúen no espazo da actuación, así como a urbanización da mesma na súa totalidade. Ademais formulará e executará o proxecto de escavación arqueolóxica, que deberá levarse a cabo como paso previo a calquera outra actuación e que quedará ao disposto das determinacións de Patrimonio.

Pola súa parte, o Concello acadará a titularidade de varias edificacións para que se incorporen ao resto de soares da unidade UI8 que xa son titularidade do IGVS co fin de favorecer un mellor desenvolvemento da zona.

Así mesmo, a Administración local comprométese a tramitar os documentos urbanísticos precisos para facer viable a actuación e o proxecto de urbanización do ámbito así como tramitar e conceder as licenzas de edificación e axilizar en todo o posible os prazos de tramitación. A cambio, o retorno do investimento local e dos dereitos de edificabilidade que lle corresponden ao Concello, por tratarse dunha actuación en solo urbano non consolidado, será a entrega, en baixos comerciais, dunha superficie equivalente ao 10% da edificabilidade de uso residencial que se materialice.

0.12745308876038