Culmina a demolición do Garañón en Lugo, que se converterá nunha nova zona verde

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acudiu este xoves á recepción da obra de derriba e acondicionamento da parcela do Garañón.
recepcion_garañon_alvarellos
15 Feb 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acudiu este xoves á recepción da obra de derriba e acondicionamento da parcela do Garañón. Coa culminación deste proxecto, que supuxo un investimento municipal de 578.035 euros, o Executivo local avanza no cumprimento do seu compromiso para converter este espazo nunha nova zona verde. “Estamos máis preto de lograr o noso obxectivo de crear un novo pulmón que dea continuidade ás Costas do Parque e ao parque de Rosalía de Castro, ampliando así o cinto natural da trama urbana”.

Lograr que este espazo se converta nunha zona verde “repercutirá nun aumento da calidade de vida da veciñanza e contribuirá a poñer en valor unha das localizacións máis emblemáticas da nosa cidade”, sinalou a alcaldesa. Unha vez verificado por parte dos técnicos municipais que os traballos se executaron de forma correcta, procedeuse á firma da acta de recepción cos representantes da empresa concesionaria e a dirección facultativa da obra. A rexedora mostrouse satisfeita pola culminación desta fase do proceso e avanzou que neste momento o Concello está a tramitar a modificación puntual da unidade Urpi-58 do PXOM, o que permitirá que o futuro parque sexa posto ao dispor da cidadanía.

“Gañar este espazo para os veciños e veciñas é unha demanda social que conta co consenso de toda a cidade. A súa apertura non só permitirá mellorar a conexión da urbe coa contorna do Miño, senón que transformará as comunicacións da zona sur coa zona centro e ábrenos ademais a posibilidade de explorar novos itinerarios de mobilidade alternativa”, sinalou Alvarellos.

Durante a execución desta obra, cuxos traballos se iniciaron o pasado verán, demoléronse un total de 37.746 metros cúbicos de formigón, ferralla, canalizacións de instalacións e material de obra, o que equivale á 14.868 metros cadrados de superficies construídas.  Ademais, acondicionouse a parcela para recuperar as súas cotas e adaptalas á das Costas do Parque. Neste sentido, Alvarellos destacou o valor transformador deste proxecto que xa cambiou paisaxísticamente a cidade. “Recuperamos unha morfoloxía urbana que mostra coherencia co proxecto de cidade sostible e respectuosa coa contorna na que traballamos”, concluíu a alcaldesa.

0.17130708694458