Cultura, festa e ecoloxía únense no I Festival Ecofamiliar Lugar de Reque, en Lugo
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove o primeiro Festival Ecofamiliar Lugar de Reque, que se celebrará o vindeiro 16 de xullo a carón do río Rato de Lugo. Trátase dunha iniciativa cultural, festiva e ecolóxica que inclúe propostas baseadas no lecer, na arte e na aprendizaxe vivencial para todas as idades.
O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “a realización deste Festival Ecofamiliar enmárcase dentro da programación permacultural que se está desenvolvendo durante todo o ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, con obradoiros e actividades formativas ligadas á permacultura. Con esta proposta cultural e lúdica queremos presentar este espazo público como un lugar no que disfrutar de actividades de lecer en contacto coa natureza e nun ambiente enriquecedor”.
O programa deste encontro procura atraer un público diverso. Desde persoas interesadas na permacultura ou noutras esferas da ecoloxía, até calquera persoa interesada por experiencias alternativas, innovadoras e cunha base cultural arraigada. Atende especialmente ás familias e crianzas, con diferentes actividades pensadas parq que nenas e nenos disfruten en contacto coa natureza.
PROGRAMA
O programa arrancará ás 12 horas cun roteiro consciente pola contorna do lugar de Reque, convidando a reconectar coa natureza e os seus elementos, desde a consciencia e a atención plena aos nosos sentidos. Ao seu remate, Naya Bravo desenvolverá un obradoiro sobre alimentos fermantados no que introducirá ás persoas participantes no mundo da kombucha, explicando a súa elaboración, propiedades, variedades e conservación.
Ás 14 horas terá lugar o xantar campestre, no que os asistentes deberán levar o necesario para gozar da comida ao aire libre. Para amenizar a sobremesa Iria Estévez e Gonzo Piña porán en escena un espectáculo músico-teatral no que uns misteriosos personaxes chamados os Trotasongs aparecerán no 1º Festival Ecofamiliar Lugar de Reque para compartir co público un segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súas viaxes a través do tempo e do espazo para protexelas de Móngrimus, o monstro da gran industria musical.
Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, Santiago Nicolás ofrecerá un concerto de Gongs tras formarse con grandes mestres internacionais en países como China, Tibet ou Nepal. Sonia Lamas guiará un círculo dedicado á Nai Terra e un taller de pintacaras con cosmética natural e de coroas de flores. Máis tarde, Naiara González guiará o taller de biodanza, unha vivencia participativa e integradora a través da música, o canto e o movemento grupais.
A xornada rematará musicalizada, ás 18.30 horas terá lugar o concerto Al abrigo del olivo, é un proxecto colectivo formado por Cris Nawa, Mou de Lugh, Ooruk Shambo e Naiara González que combina ritmos bailongos e letras reflexivas. Tras eles, será o momento do concerto Nanan. O músico, luthier, docente e ambientalista brasileiro Nanan, recoñecido pola súa participación en diversos proxectos ambientais e de difusión da permacultural, ofrecerá un concerto con cancións do seu segundo disco en solitario Movemento: Manifesta Sentimento, unha obra na que consolida o seu compromiso medioambiental.
Asemade, durante toda a xornada, entre as 13 e as 18.30 horas estará dedicada aos máis cativos. As crianzas poderán desfrutar de diferentes espazos de xogo con material natural e obradoiros de creación a cargo da cooperativa Miudiño nos que se potenciará a liberdade de elección e creación da cativada, tendo en conta a importancia que ten para o seu desenvolvemento o xogo, a manipulación e a creación con materiais naturais.
A artesanía tamén será parte desta xornada cultural e festiva coa presenza de cesteiras como Beatriz Valín, Carmen Fieiras, María Otero ou Carlos Rubio de O Carabel Ecocestos e un taller de debuxo naturalista a cargo de Mariana Roura.