Dan comezo as actividades dos hortos escolares no CEIP das Gándaras

LugoXa
Empiezan las actividades de huertos escolares en el CEIP As Gándaras de Lugo dirigida a niños de sexto de infantil.
petiscandolibros
5 Abr 2022

O tenente alcalde, Rubén Arroxo e o concelleiro de educación, Felipe Rivas, visitaron o colexio das Gándaras onde hoxe tiveron lugar as primeiras actividades dentro do programa de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil. O tenente alcalde e o Concelleiro de Educación visitaron as instalacións do centro xunto con representantes da Tradescola, que colabora co Goberno de Lugo na elaboración das actividades.

Felipe Rivas explicou que “as actividades utilizarán o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental”. Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

Os centros contarán con 7 sesións de 50 minutos, que se realizarán entre os meses de febreiro e maio. As sesións combinarán actividades no horto e nas aulas, combinando distintas metodoloxías pedagóxicas para acadar os distintos obxectivos do proxecto, como poden ser ampliar o coñecemento das nenas e nenos sobre os diferentes cultivos, así como o aproveitamento dos mesmos, fomentar comportamentos responsables e comprometidos no coidado da natureza ou comprender e interiorizar os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas e os coidados necesarios para o seu desenvolvemento óptimo. As actividades rematarán coa colleita dos cultivos, compartindo o recollido polo grupo, para logo poder consumilo cada un, na súa casa.

Ao mesmo tempo, achegarase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e permitiráselles coñecer celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa capacidade de observación e investigación no contorno, e coñecerán e usarán novas ferramentas diferentes ás de uso cotián.

As actividades potenciarán a iniciativa na realización e participación nas actividades e fomentarán o traballo en grupo.

0.19345784187317