Daniel Castro comprométese co BNG en defensa dun tren "digno" para Lugo
O candidato a deputado do BNG por Lugo, Daniel Castro, participou na concentración convocada polo BNG de Lugo baixo o lema Lugo quere tren!, reclamando uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca. O candidato afirmou que “seguiremos traballando no Congreso e nas distintas institucións para que Lugo conte cun tren digno, o que pasa por cuestións como a actualización da liña Lugo – A Coruña ou a creación dunha conexión directa entre Lugo e Compostela”.
Daniel Castro sinalou que “Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.
O número un do BNG por Lugo afirmou que a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do Estado, “só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.
Castro comprometeu a creación do Galtren, un ente ferroviario público ideado dende o propio partido e que apostará e impulsará o transporte de proximidade en Galicia. “Precisamos comunicarnos, vertebrar o País e cohesionar o territorio galego”, dixo Daniel Castro, que valorou o tren como un elemento chave para unha mobilidade sustentable”.
“O Galtren está chamado a ser o tren de referencia en Galiza nas conexións entre vilas e cidades, ao tratarse dunha dirección operativa única para o territorio galego que superará a fragmentación entre as estruturas Renfe e FEVE”, explicou o candidato. “Trátase dunha proposta de servizo público para todas as galegas e galegos”, sentenciou Daniel Castro.