De Ninghures e Baiuca actuarán na Foliada da Fonsagrada

A Fonsagrada converterase de novo nun punto de encontro para a música tradicional galega coa celebración da Foliada da Fonsagrada, que se desenvolverá do 5 ao 7 de decembro con tres intensas xornadas cheas de actividades culturais, obradoiros, concertos e feiras de artesanía. O evento, organizado pola A.C. Petapouco e A DesTempo, conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o o Concello da Fonsagrada.
O venres 5 abrirá o programa ás 11:00 horas a Ruta da Mina das Talladas, seguida ás 18:00 polo obradoiro O pouso da violencia impartido por Branca Villares. Ás 19:30 celebrarase o taller Recursos de improvisación de percusión para acompañamento a cargo de Andrea e Alejandra Montero, mentres que ás 20:00 terá lugar a proxección de O Rural Imaxinado e Sabvia Interior. Ás 20:30 desenvolverase un obradoiro de baile con Cris Canosa e a xornada rematará cos concertos de Unto Vello, El Nido e Delameseta a partir das 21:30 horas.
O sábado 6 iniciarase ás 11:00 coa apertura da Feira de Artesanía e continuará ás 12:00 co Vermú con Párbo e Tona. Pola tarde, ás 17:00 presentarase o libro Arte Menor e ás 18:00 O violín que trae o vento. Ás 19:00 celebrarase un coloquio e o avance do documental 360 curvas, e a xornada pechará cos concertos de Os Melidaos, De Ninghures, Baiuca e Duendeneta desde as 21:00 horas.
O domingo 7 a festa continuará ás 12:30 cun pasabares a cargo do grupo Seimeira, ás 18:00 cos tradicionais Cantos de Taberna e rematará ás 21:00 coa Butelada e fin de festa.
A Foliada da Fonsagrada consolídase así como unha das citas culturais máis esperadas do outono lucense, combinando música, tradición, gastronomía e encontro social nun ambiente festivo e participativo.