De Ninghures presenta o seu novo single na capela de Santa María
A Capela de Santa María acolle o venres, 24 de novembro, ás 20 horas o concerto da banda De Ninghures, na que presentan o seu novo traballo. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa a presentación de Morena, un single con sons de rumba, que cantan á festa e tende pontes coas sonoridades árabes, nunha composición que se achega á electrónica.
Este concerto, que agora acolle Lugo, está dentro do programa Xuntos polo Serán 2023 da área de Cultura.
De Ninghures está formado por sete integrantes naturais de distintas localidades do país, como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. A pandeireta e a gaita mestúrase cos sons do violín e a frauta travesa, que se conxuran nos concertos para contaxiar enerxía e facer descubrir a música deste grupo.
A banda publicou en 2022 o seu primeiro álbum, Aquí, con raíces de Galicia e claras influencias de músicas da Península, América Latina ou o Magreb. Un traballo lanzado grazas ao micromecenado impulsado pola agrupación.