De Olano asegura que a viaxe entre Lugo e Ourense “non baixará da hora e cuarto”

LugoXa
Nese sentido, esíxelle a Tomé “respecto aos lucenses” e que “deixe de mentir para intentar tapar que Sánchez discrimina á nosa provincia”
estacion-tren-lugo
Estación de tren de Lugo
24 Maio 2024

O deputado por Lugo no Congreso, Jaime De Olano, censura que “Sánchez deixe a Lugo sen alta velocidade e obrigue a Tomé a facer o ridículo cunha mentira que non cre ninguén”, en alusión ás declaracións do secretario xeral dos socialistas lucenses sobre o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense, unha vez rematadas as obras de modernización da liña ferroviaria.

Nese sentido, esíxelle a Tomé “respecto aos lucenses” e que “deixe de mentir para intentar tapar que Sánchez discrimina á nosa provincia”. O popular subliña que, atendendo aos informes técnicos, “é un disparate de proporcións monumentais afirmar que o tempo de viaxe será de 45 minutos. No mellor dos casos, o tempo non baixará da hora e cuarto”.

As obras na liña entre Lugo e Ourense non redundarán significativamente nos tempos de viaxe, segundo conclúe o informe do Clúster da Función Loxística de Galicia, porque “a actual velocidade máxima de 160km/h non se verá modificada e a previsión é que a velocidade media non será superior a 75 km/h”. O deputado lucense explica que “as obras de modernización son para poñer a liña ao día para que sexa fiable e segura”, pero “o trazado é o mesmo que data do 1883 e impide baixar os tempos porque o Executivo socialista renunciou a modificar as curvas, mellorar o trazado e construír as variantes de Os Peares- Canabal e Rubián”.

De Olano lembrou que “o tempo da viaxe si se podería reducir significativamente coa construción das variantes que estaban planificadas polo Ministerio e a propia ADIF durante o Goberno do Partido Popular”.

0.11986589431763