‘De Perdidos ao Miño’, un éxito no respecto á diversidade
Un punto de encontro, lúdico, co que crear un espazo de reflexión para a mocidade. Así se describía o primeiro festival da diversidade De Perdidos ao Miño que o Concello de Lugo organizou esta tarde co obxectivo de ser un referente na concienciación entre a Xuventude en prol do respecto á diversidade sexual. Recoñecidas figuras públicas cunha gran traxectoria profesional abordaron neste encontro coa mocidade aspectos como a igualdade ou a inclusión.
A cita, con vocación de continuidade, celebrouse cunha gran asistencia de público no paseo do Miño. Un espazo en transformación que se ateigou de xente que esperaba ver aos seus referentes que loitan contra os prexuízos.
“A nosa intención – sinalou a – é achegarlle ás novas xeracións valores sociais que combatan calquera tipo de prexuízo, traballando así en favor da tolerancia, da convivencia e da igualdade de oportunidades. Facémolo, ademais, nun espazo privilexiado no que dende o Goberno local estamos traballando para poñelo en valor e acadar que se incorpore como unha localización preferente dentro dos hábitos de socialización da cidadanía”, afirmou Lara Méndez.
Neste primeiro festival participou, entre outros convidados, Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo a favor dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón, e gañadora dun Premio Ondas polo seu podcast 'Estirando o chicle'.
Tamén estivo a psicóloga María González Da Rivera; Noemí Díaz Vázquez, profesora lesbiana visible de Bioloxía e Xeoloxía, integrante da Rede Educativa de Apoio LGBTI+ de Galicia e colaboradora de diarios nacionais; Marta Herráiz, fundadora de LesWorking, a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e codirectora xeral de REDI, a rede empresarial pola diversidade e inclusión LGBTI en España; Luis Arean, xornalista e membro fundador do Grupo de Minorías Sexuais de Amnistía Internacional España, e Xácia Ceive, norteamericana transexual asentada en Galicia e creadora do proxecto Sete Outeiros.
Un cartel de primeiro nivel que se entregou ao público no debate de temas como a orientación sexual e a identidade de xénero ao tempo que deron a coñecer as súas propias experiencias persoais explicando, alén, o que signfica para eles a súa opción de vida emocional, sexual ou afectiva.
Unha exposición que tivo como broche de ouro final a actuación en directo da DJ residente na sala Bloom de Santiago, RIQUINHA.