Milleiros de persoas participaron da manifestación en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei
Milleiros de persoas participaron da manifestación contra o proxecto de Altri co lema de 'Dende a Ulloa ata a ría. Terra aire e auga son vida, Altri non será' que foi convocada pola Plataforma por unha Ulloa Viva, Plataforma Palas Viva, Arzúa Viva e Santiso Vivo en Palas de Rei.
Ademais, desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoiaron a manifestación, asegurando que "de ser construída esta macrocelulosa, a afectación máis importante recaerá sobre as actividades que están ligadas á alimentación, principalmente na agricultura, gandaría, pesca e marisqueo. No que respecta ao seu impacto na produción agropecuaria, a día de hoxe na contorna de 30 quilómetros de afectación mínima desta industria hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos".
A través de cánticos, pancartas e andainas, as persoas participantes mostraron a súa disconformidade con respecto ao proxecto da empresa portuguesa, contando tamén co apoio de partidos políticos como o BNG, que tampouco está de acordo coa implantación da entidade no país.
Apoio do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, e cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, encabezaron a representación do BNG na multitudinaria manifestación en contra da macrocelulosa Altri celebrada en Palas de Rei, deixando claro a rotunda oposición a un proxecto contaminante que liquidaría miles de empregos, tanto na comarca de Arzúa-Ulloa como na Ría de Arousa.
“Estamos en Palas de Rei para frear unha bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galiza, levándose por diante o medio de vida de miles de persoas tanto na terra como no mar”, subliñou Pontón, “e sobre todo, estamos aquí para defender a dignidade e o futuro de Galiza fronte ao un Partido Popular que pon os intereses dunha multinacional por riba dos galegos e das galegas e que ademais quere regar con centos de millóns de euros de cartos públicos o proxecto dunha multinacional portuguesa que está causando graves problemas ambientais no País veciño”.
A líder nacionalista contrapuxo a presenza do BNG en Palas coa do PP en Madrid, tamén de manifestación. “Rueda está en Madrid manifestándose co sectores máis ultras e reaccionarios do Estado, pero o BNG está aquí ao lado da xente que quere vivir do seu traballo e quere conservar o seu territorio, todo un símbolo do que representa o BNG fronte ao que representa o Partido Popular”, explicou, tras pedir ao PP que escoite o que reclama a cidadanía na rúa.
“Espero que o Partido Popular se baixa da súa habitual prepotencia e escoite o clamor social contra Altri, recalcou, porque o Bloque non vai permitir “que nos colen como industrialización o que é unha agresión ambiental descomunal”, que consumiría cada día máis auga que toda a poboación de Lugo, “e por riba subvencionada con 250 millóns de euros de todos e de todas, incluídos fondos europeos”.
“Con eses inxentes recursos poderíamos financiar políticas para revitalizar o medio rural, para sanear as nosas rías, para limpar o Ulla ou para potenciar os nosos sectores produtivos. Industrializar Galiza si, pero contaminar Galiza e hipotecar o futuro deste país, non! Queremos xerar industria, riqueza, pero para poder vivir e traballar dignamente aquí”, alegou.
Pontón tamén pediu ao Partido Socialista que aclare se vai dar fondos europeos para financiar ALTRI ao tempo que criticaba a súa indefinición.
“Sabemos moi ben o que defende o PP, pero tamén é triste a equidistancia que está demostrando o PSOE que ten que aclarar de que lado está, se vai contribuír a esa macrocelulosa contaminante con fondos europeos Next Generation ou non. O que lle pedimos, tanto ao PP como ao PSOE é que atendan o clamor social que hoxe se escoita nesta multitudinaria manifestación en Palas de Rei, ao PP que abandone a súa soberbia e prepotencia e escoite, e ao PSOE que non vaia de ganchete co PP e que sexa claro dicindo que ALTRI non vai recibir nin un só euro de fondos europeos”, concluíu.